A Deputación lanza unha campaña para reactivar o comercio, a hostalería e o turismo

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, presentou este xoves no exterior do Pazo de San Marcos a campaña EN LUGO, SI; que lanza a institución provincial para “reactivar, dunha maneira estable e eficaz, o comercio local, a hostalería, o turismo, e o conxunto dos sectores produtivos da provincia, para saír o máis rápido e da mellor maneira posible da crise provocada polo coronavirus”.

A Deputación leva semanas traballando no deseño deste proxecto, que o propio presidente lles avanzou o mes pasado aos axentes sociais e económicos da provincia durante unha rolda de contactos e que foi moi ben acollido. Dado que se trata dunha iniciativa en coordinación e colaboración co tecido socioeconómico, no acto desta mañá, acompañaron a José Tomé, ademais da Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, as dúas áreas provinciais con maior peso na campaña, o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, e os presidentes da Federación de Comercio, José María Seijas, e da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL), Cheché Real.

Tomé Roca explicou que a marca EN LUGO, SI creada pola Deputación “simboliza e reflicte todos os valores e fortalezas que ten a provincia como lugar seguro, de confianza, de calidade e de oportunidades para comprar, para consumir, para o lecer, para pasar as vacacións, pero tamén para emprender”.

A campaña EN LUGO, SI busca revitalizar o tecido económico da provincia e, con iso, o emprego, sobre todo nas pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos. “Por unha banda inclúe accións dirixidas aos propios negocios, traballadores e profesionais dos sectores produtivos, para dotalos das ferramentas que precisan para facer fronte á denominada nova realidade e, pola outra, iniciativas dirixidas á cidadanía, difundindo, os valores e fortalezas da nosa provincia e do seu tecido produtivo”, explicou o presidente.

A primeira das accións será un programa formativo en liña a través de Internet, pensado para “apoiar aos negocios e profesionais do comercio, da hostalería e do turismo na aplicación de medidas de prevención e hixiénico sanitarias, e para que o fagan ademais, garantindo a comodidade e o benestar do cliente, é dicir, mostraráselles como orientar esas pautas para que non resulten incómodas para os clientes”, afirmou José Tomé.

Este programa formativo, moi especializado, terá 300 prazas e será para os negocios dos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, en tanto que o Concello de Lugo xa ten o seu propio programa. A Deputación entregará un diploma que acreditará que os negocios participantes realizaron esta formación e son, polo tanto, establecementos seguros. As inscricións abriranse o vindeiro luns, día 1 xuño, e o curso comezará o día 15 do mesmo mes.

Así mesmo, o presidente adiantou que no marco desta mesma campaña de promoción se van organizar uns encontros on line de debate e análise sobre a situación e o futuro do comercio, a hostalería e o turismo.

Pola súa banda, os representantes da Federación Galega de Comercio, da APEHL e da CEL coincidiron en agradecer estas iniciativas que, confían en que axudarán a mandar unha mensaxe de tranquilidade e confianza tanto ás empresas lucense coma ao conxunto da cidadanía e a incentivar o consumo.

Confianza na cidadanía
EN LUGO, SI nace coa vontade de xerar confianza na cidadanía para que consuma produtos e servizos de proximidade. “É moi importante que se actúe ben dende un principio para que a sociedade gañe confianza e saia á rúa mercar, consumir e pasar o seu tempo de lecer e vacacións nos negocios de sempre, sabendo que están nas mellores mans”, recalcou o presidente.

O mandatario provincial explicou que mantén unha constante comunicación co tecido social e económico da provincia, dende o primeiro momento, para escoitar as súas necesidades e preocupacións, e para desenvolver accións coma esta que pretenden favorecer a reactivación da demanda e dos nosos sectores produtivos e, polo tanto, da economía e do emprego. “Queremos que a cidadanía, empezando polos propios veciños e veciñas da provincia, aposten polos negocios de proximidade, polo comercio local, polas tendas, polos bares e restaurantes, polos establecementos turísticos, polos produtores, polas empresas do seu barrio, do seu concello e dos 67 municipios lucenses”, subliñou Tomé.

Colaboración co tecido socioeconómico
O presidente agradeceu a colaboración da CEL, da Asociación de Hostalería e da Federación de Comercio, “porque este é un programa deseñado en colaboración cos seus destinatarios, escoitando as súas demandas, tendo en conta as súas achegas e tratando de conseguir algo que sexa útil para todos”. “O dito de que os problemas superámolos xuntos non é para nós unha fórmula, nin unha frase baleira. Sabemos que a principal fortaleza desta provincia é, precisamente, a capacidade de diálogo e colaboración do tecido social e económico cos responsables públicos”, asegurou José Tomé.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: