Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Cancelado o Ribadeo Indiano 2020, que se ía celebrar do 10 ao 12 de xullo

Por 28 Maio, 2020Sin comentarios

Cancelado o Ribadeo Indiano 2020, que se ía celebrar do 10 ao 12 de xullo. Así o decidiron esta tarde o Concello e Acisa. Os organizadores antepoñen a responsabilidade por riba de todo para lograr a máxima protección posible contra o Covid-19 e póñense a traballar na edición de 2021.

O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “quixemos agardar ata o último momento, tanto a Asociación de Comerciantes como o Concello de Ribadeo, pero finalmente decidimos ir na liña do que outros Concellos da comarca, de Galiza e do resto do Estado están facendo nos últimos tempos no sentido de que debemos antepoñer a responsabilidade por riba de todo para lograr a máxima protección posible contra o coronavirus. Polo tanto se temos en conta a nova normalidade no que ten que ver co distanciamento físico que debemos ter entre a cidadanía e tamén o necesario control de aforo nos diferentes espazos públicos, así como tamén atendendo ás distintas normativas de obrigado cumprimento, tanto das autoridades do Estado como das autonómicas, decidimos Acisa e Concello de Ribadeo, de común acordo, cancelar a edición do Ribadeo Indiano 2020, así como tamén aqueles outros eventos que poidan supoñer masificación e que poidan ir contra as directrices sanitarias que todos debemos cumprir, cando menos durante esta época estival”.

O rexedor asegurou que “traballaremos desde este mesmo momento, Acisa e o Concello de Ribadeo, para facer unha edición marabillosa do Ribadeo Indiano 2021 e para que sexa entón o momento do reencontro. O Ribadeo Indiano quere lembrarse de todas aquelas persoas que se foron un día, especialmente para América, e sempre quixemos que fora a festa do reencontro, pois agora queremos para a edición do Ribadeo Indiano 2021 quedarnos con ese espírito e que garde esa ansia de encontro para que todos (de Ribadeo, da comarca, de fóra, do mundo enteiro) nos volvamos atopar na seguinte edición do Ribadeo Indiano”.

Pola súa banda o presidente de Acisa, Francisco Iriarte, sinalou que “acabamos de ter unha reunión cos departamentos municipais de Cultura, Turismo e Alcaldía e estamos totalmente de acordo coa cancelación do Ribadeo Indiano 2020. Cremos que a seguridade é o primordial ante todo. Sabemos do sacrificio que supón isto para os nosos asociados e asociadas, sobre todo de comercio e hostalería, pero hai que facelo así porque as normas son as normas e a saúde é o principal. Agora o que nos queda é cumprir co que nos din e non cometer ningún erro”.

O responsable do colectivo empresarial lamenta “chegar a esta situación e adoptar esta decisión, porque estamos a falar dun evento que para a hostalería supoñía a fin de semana de mais facturación do ano. E tamén era unha cita moi importante para o noso comercio. Agora toca apostar pola saúda para recuperar en canto sexa posible a vella normalidade, pero aínda queda un camiño que percorrer. Estamos convencidos de que todos xuntos sairemos dista”.

Iriarte Quintana agarda que “para o 2021 podamos facer un Ribadeo Indiano aínda máis forte e máis potente”.