O PP di que “cos socialistas Alcoa-San Cibrao leva o camiño de Endesa-As Pontes”

“Se a alguén lle quedaba algunha dúbida, agora xa non ten motivo para ter ningunha: o Goberno presidido polo socialista Pedro Sánchez e apoiado polo comunista Pablo Iglesias é nefasto para Lugo”. Así o asegurou esta mañá o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, á vista da grave situación que atravesa Alcoa-San Cibrao, con centos e centos de postos de traballo en perigo, entre directos e indirectos. “Con este Goberno Alcoa-San Cibrao leva o mesmo camiño que Endesa-As Pontes”, manifestou o voceiro popular na Deputación. Engadiu: “Son moi malas noticias para a Mariña e para os traballadores. Expresamos a nosa solidariedade cos traballadores e dicímoslles que desde o PP seguiremos loitando polos intereses de Alcoa e que estamos con eles. Alcoa non se pecha, ten que ser competitiva e hai que darlle un medio económico no que poida traballar en condicións de competitividade no mercado europeo; necesítase aprobar inmediatamente un estatuto electrointensivo, que inclúa as alegacións presentadas polos traballadores e pola Xunta, que lle dea garantías a Alcoa para poder funcionar e ter planes de futuro. Non queremos que pase como en Endesa, que xa está parada e non vai volver a funcionar”. Castiñeira deulle a réplica ao presidente da Deputación: “A empresa, como é lóxico, defende os seus intereses. Se o Goberno tivese aprobado o estatuto electrointensivo, coas alegacións dos traballadores e da Xunta, posiblemente non se tivera chegado a esta situación. O que enredou durante meses e meses foi o Goberno, o que estivo enganando foi o Goberno, e, polo tanto ten unha clara e ineludible responsabilidade nesta situación”.

O portavoz popular sinalou: “Desgraciadamente, vemos que se cumpre o que avanzamos o martes no pleno da Deputación, durante a defensa da nosa moción sobre a competitividade de Alcoa, á que PSOE e BNG votaron en contra. Vendo as declaracións do presidente da Deputación,  só podemos estar totalmente en contra da súa opinión. Vemos moi pouca autocrítica sobre a súa xestión neste asunto. Estivo coas mans paradas durante tres meses e o Goberno socialista co estatuto metido nos caixóns da Moncloa durante ano e medio. Quen verdadeiramente enganou aos veciños foi o Goberno socialista, cuxos representantes estiveron en varias veces en San Cibrao, para dicir que ían aprobar o estatuto electrointensivo e  aínda non está aprobado. Loxicamente, a empresa terá os seus intereses, pero non se pode dar gasolina para incendiar aínda máis este asunto e a gasolina é  non ter aprobado o estatuto electrointensivo, que é algo que prexudica a Alcoa e a outras moitas empresas grandes consumidoras de enerxía eléctrica en Galicia”.

Os populares poñen tamén a vista na chamada lei do cambio climático, de transición enerxética, á hora de fixar as responsabilidades atribuíbles ao Goberno no desastre que para A Mariña e para o conxunto de Lugo é a situación na que se atopa Alcoa, coa conseguinte perda de emprego que vai supoñer.  Castiñeira sinala: “A intransixencia enerxética do Goberno socialista está provocando a caída da industria galega, da industria lucense. Así o comprobamos en Endesa-As Pontes, que pechou,  e está pasando con Alcoa. Ao Goberno  non lle interesa a industria lucense. Vemos moi pouca autocrítica por parte do presidente da Deputación, que nestes dous meses, desde o pleno no que os traballadores esixiron á Deputación que mediase para que se aprobase canto antes o estatuto para empresas electrointensivas, non foron capaces de facer nada”.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: