Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Galicia deseña medidas para apoiar á cadea mar-industria e evitar peches

Por 31 Maio, 2020Sin comentarios

A conselleira do Mar, Rosa Quintana mantivo unha reunión por videoconferencia con representantes do sector marítimo-pesqueiro da provincia de Lugo para analizar a situación da cadea mar-industria como consecuencia da alerta sanitaria polo coronavirus. Nela constataron as dificultades nas que se viu inmerso o sector desde a declaración do estado de alarma e incidiron na conveniencia de que, como demanda a Unión Europea, se habiliten medidas para dotar de liquidez ás empresas e evitar que se produzan peches.

Nese sentido, explicou a titular de Mar, Galicia está a traballar na elaboración de ordes de achegas de apoio ao sector coas que se pretende aliviar a situación económica das empresas ante esta situación excepcional. No seu deseño, e na liña do que piden as propias organizacións do complexo mar-industria, estase a buscar que sexan sinxelas e coa menor carga burocrática posible.

Rosa Quintana louvou novamente o esforzo realizado polo sector pesqueiro galego para manter a súa actividade durante a alerta sanitaria co obxectivo de garantir o subministro de alimentos de calidade á cidadanía e apostou por avanzar na promoción do consumo de peixes e mariscos para agradecer esa entrega. Por iso, insistiu en facer un chamamento ao conxunto da sociedade galega para que non se esqueza de incluír na súa cesta da compra os produtos do mar, fundamentais para ter unha alimentación saudable.

Neste sentido, a representante da Xunta salientou que os profesionais do mar exerceron o seu papel como sector esencial durante a pandemia a pesar de que en moitas ocasións non lles resultaba rendible seguir operativos. Por iso, na videoconferencia co sector marítimo-pesqueiro lucense analizou a situación actual das empresas da provincia e intercambiou puntos de vista en relación coas necesidades de futuro da cadea mar-industria.

Encontros co sector

Este encontro dixital engádese ao mantido a semana pasada co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e co sector da provincia coruñesa así como ao celebrado unha semana antes coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, e con distintos representantes do sector pesqueiro da área de Vigo. Esta videoconferencia enmárcase no contacto continuo que está a manter a Consellería do Mar cos distintos elos do complexo mar-industria para afondar nas medidas necesarias para afrontar a crise do coronavirus e analizar as dificultades e retos que se albiscan nun futuro próximo. O obxectivo é escoitar as súas propostas e deseñar as ferramentas máis axeitadas para superar as dificultades derivadas da alerta sanitaria da covid-19.

Na videoconferencia con Rosa Quintana e José Manuel Balseiro participaron representantes da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo, das organizacións de produtores pesqueiros (OPP) de Lugo e Celeiro, de ABSA, de Puerto de Celeiro, da asociación Adexmar e das empresas Stolt Sea Farm, Nueva Pescanova-Insuíña, Pescados Rubén e Frigomar.