Skip to main content
ActualidadeCervoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

A Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña comezou a súa desescalada

Por 2 Xuño, 2020Sin comentarios

Dende o pasado 11 de marzo a Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña comezou a extremar as súas precaucións fronte ao Covid-19. Ese día quedaron restrinxidas as visitas á unidade residencial e estremáronse as medidas de protección e hixiene. Ao día seguinte restrinxíronse as saídas do centro, adaptando as súas instalacións para que as persoas internas puidesen dispor de máis servizos e actividades de ocio dentro. Igualmente, estanse a desinfectar as zonas exteriores da unidade residencial diariamente dende o 21 de marzo grazas ó Concello de Cervo.

Durante todo este tempo de adaptación ás novas circunstancias, A Mariña traballou duramente para garantir o mantemento dunha atención axeitada, de calidade e moi necesaria ás persoas con problemas de saúde mental. 

Dende o comezo da crise sanitaria séguese a atender aos 92 usuarios, realizando actuacións en varios eidos nos distintos dispositivos, xa que os centros de rehabilitación psicosocial e laboral permaneceron pechados ata o día de hoxe tendo que recibir os usuarios atención telemática e domiciliaria. 

Nestes días abriron os Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela e Ribadeo, primeiro para facer unha valoración psicolóxica individual, previa cita, para nuns días contar con actividade presencial en pequenos grupos de mañá e de tarde; cumplindo coas recomendacións para a reactivación por parte do Sergas. 

Tamén se comezará co servizo de limpeza e desinfección diaria por parte de empresas especializadas, ampliando, por tanto, este servizo. 

Ao largo destes dous meses e medio fixéronse moitas intervencións para promover a estabilidade clínica dos usuarios, xa que as persoas que presentan un trastorno mental severo constitúen un colectivo de especial atención ante o risco de que poidan presentar descompensacións na súa patoloxía de base.  

Así, fixéronse un total de 1470 acompañamentos terapéuticos, 1413 atencións psicosociais e 472 atencións domiciliarias.

As atencións en piso protexido suman un total de 2569 actuacións (conviven 5 usuarios)  as da vivenda de mulleres víctimas de violencia de xénero 3678 (conviven 4 usuarias) e as da Unidade Residencial 9463 (conviven 24 usuarios).

Tamén se fixeron 291 atencións a familiares e este fin de semana reanudamos as visitas con todas as garantías debido a un protocolo  preventivo.

Ata o pasado 25 de maio conseguiran o máis importante, cero descompensacións psiquiátricas e por tanto cero ingresos na Unidade de agudos do servizo de Psiquiatría. Pero agora tocalles vivir unha nova “normalidade” e para iso comezan con novos proxectos terapéuticos e formativos e nesta nova forma de traballar, teñen previsto que cada usuario teña o seu material individualizado, para  evitar compartir, e así non asumir riscos.

Dende asociación A Mariña queren agradecer á Asociación de Mulleres de San Cibrao a súa colaboración co colectivo, xa que fixeron doazóns de material para a actividade terapéutica de “Arteterapia”. Grazas a esa donación cada usuario contará coa súa carpeta na que haberá libro de mandalas, folios, lápices, gomas, afilas, lápices de colores, rotuladores…  o que redundirá nunha mellora terapéutica de cada usuario.