Skip to main content
ActualidadeMondoñedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O BNG de Mondoñedo pide que se complete a información no plan contra incendios

Por 2 Xuño, 2020Sin comentarios

O BNG de Mondoñedo vén de presentar unha moción na que pide que o Concello complete canto antes a información que falta no Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios.

Segundo indican os nacionalistas, o día 18 de maio o alcalde publicou un bando no que informaba da colocación nos locais sociais das parroquias e na entrada do auditorio, dos planos  que definen as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano de núcleo rural e urbanizable coa finalizade de que todos os propietarios das parcelas afectadas teñan información suficiente para o cumprimento da lei de prevención e defensa contra incendios forestais.

“Hai que ter en conta que os planos expostos polas parroquias carecen de caixa de datos que faciliten a comprensión dos debuxos e das cores representadas e que o citado Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios do Concello ten pendente de aprobación unha segunda fase na que se deben incluír tamén as faixas de protección fronte a vivendas illadas e a rede de pistas, vías e camiños de titularidade municipal”, subliñan.

Considera o BNG que os propietarios de montes e fincas rústicas deben coñecer a información necesaria para manter limpas as faixas de protección fixadas en torno a vivendas illadas, núcleos de poboación e estradas e camiños de titularidade municipal xa que este ano pola situación de vixencia do estado de alarma o prazo para ter realizado estes traballos remata o vindeiro 16 de xullo de 2020.