Skip to main content
ActualidadeBarreirosSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Concello ve “imposibles” as condicións esixidas polo Praias de Barreiros

Por 2 Xuño, 2020Sin comentarios

O Concello de Barreiros fixo un comunicado respecto ao Praias de Barreiros C.D. no que “o abandono da xestión das escolas deportivas por parte do Praias vén provocado pola non aceptación polo Concello dunhas condicións imposibles de realizar, mesmo legalmente”, explica a alcaldesa barreirense.

Segundo fixo público nun comunicado o Concello, o Praias de Barreiros, que ata o de agora recibía unha axuda municipal para as escolas deportivas de 15.000 euros, pedía incrementar esa cantidade ata os 25.000 euros, máis unha serie de condicións imposibles, mesmo legalmente.

O Concello asegura que desde o Club esixían da entidade local os seguintes compromisos para continuar coa actividade deportiva escolar a eliminación das actividades de ximnasia de mantemento e aerobic para persoas adultas, a concesión do ximnasio municipal para a súa xestión directa por parte do Club, a adxudicación dun contrato de limpeza das instalacións por importe de 12.000 euros anuais e a contratación por parte do Concello de Barreiros do persoal do Club nos meses de verán en caso de ser preciso.

Ante a negativa do goberno municipal a aceptar ditas condicións, o club anunciou o abandono das escolas deportivas e a posible disolución do Praias de Barreiros.

A alcaldesa explica que “as condicións esixidas eran claramente inxustas, abusivas e imposibles de cumprir, mesmo legalmente; supoñendo a súa aceptación un precedente que este goberno municipal non vai marcar e un xeito de actuar cruzando liñas que non estamos dispostos.”

A mandataria local explica que a oferta do Concello foi manter a axuda de 15.000 euros para as actividades das escolas deportivas e incrementar a subvención ao Club, pasando dos 600 euros actuais aos 2.000, igualándoa así aos outros dous clubs de fútbol locais “que reciben 2.000 euros anuais e se fan cargo das súas propias instalacións deportivas.”

Ana Ermida explica que “a situación económica municipal non permite renovar un contrato de xestión do ximnasio municipal que no ultimo anos deixou un déficit de máis de 22.500 euros e que xestionaba por subrogación o mesmo Club”.

Desde o goberno municipal aclaran que a xestión do ximnasio e a prestación de actividades das escolas deportivas “son absolutamente independentes” e a vinculación que poida facer o Club como un xeito de financiar os gastos non pode ser condición para o mantemento dese gasto con cargo ás arcas públicas.

A alcaldesa explica que “na actual situación económica e social ninguén entendería que se continuase con un nivel de gasto arredor dun proxecto concreto tan elevado, que nada ten que ver co que reciben outros clubs e que se estivesen medindo outros gastos municipais vitais para o Concello.”

Nese sentido, Ana Ermida, manifesta que “estamos xa traballando na alternativa de xestión para poder prestar as escolas deportivas e, mesmo o servizo do ximnasio, cun custo máis adecuado á realidade económica municipal e, polo tanto, menos lesivo para as arcas locais”.