Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

A BNG obtén un acordo para un Plan Único máis acorde coas necesidades de Burela

Por 6 Xuño, 2020Sin comentarios

O BNG de Burela ven de comunicar que acadaron modificacións da proposta inicial dos orzamentos e do Plan Único.

Así, o pasado 30 de abril debatíase en Pleno a aprobación do Plan Provincial Único, cunha proposta de alcaldía que para os nacionalistas non era útil para paliar a situación xerada polo Covid-19, posto que era moi similar ó da anualidade anterior.

En verbas do voceiro do BNG, Mario Pillado “conseguimos que se modificase o programa de investimentos, substituíndo a obra da segunda fase da rúa Rosalía de Castro, que cremos pode esperar, por outra da metade de importe e de moita maior urxencia coma da rúa Río Cobo, na que se van arranxar deficiencias que sofre a veciñanza a diario. Con esa diferencia de cartos vanse aumentar os programas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ata os 40.000 euros e o programa creado nesta convocatoria para gastos derivados do Covid-19 ata os 83.000 euros. Tamén se reduce a achega do Concello ó plan de investimentos ó mínimo que marcan as bases da convocatoria”.

Pillado indicou que “desta maneira cremos que se aproveitan de xeito mais eficiente os recursos que chegan da deputación provincial e se vai atender mellor as necesidades da veciñanza na situación de crise actual”.

Orzamentos municipais

O Plan Único engádese aos orzamentos municipais, que para os nacionalistas presentan luces e sombras. Para o voceiro nacionalista “son uns orzamentos que, tralo análise pormenorizado feito, nos deixan unha sensación agridoce. Cremos que existe moita incerteza para valorar o orzamentado pola situación derivada da pandemia; non se inclúe aínda a nova RPT, posto que non se aprobou aínda, co cal non se pode mellorala situación laboral dos traballadores municipais, tampouco se mellora a situación laboral na Escola de Música e nin sequera recibimos resposta ás nosas preguntas por escrito sobre o tema, non hai previsión sobre o servizo de socorrismo, a ocioteca ou os cursos do CIM nin observamos planificación nin previsión a nivel urbanístico en canto a humanización, mobilidade e seguridade viaria como vimos demandando…”.

No entanto, Mario Pillado valora que “se aumenta a área de gasto 2 de política social, nuns 280.000 euros, tamén se incrementa a área 4 no referente ó tecido comercial nuns 20.000 euros. Estes incrementos poden ir a mais de se incorporar no orzamento o superávit de 2019. Nos últimos anos víñamos reclamando que se axustara a área de gasto 1 referente a servizos públicos para poder destinar mais fondos a políticas sociais, de emprego e a nivel comercial. Tivo que vir unha pandemia para que se axustara o orzamento municipal e se nos dera a razón”. Continuou o voceiro nacionalista dicindo que “evidentemente tamén valoramos de forma positiva a inclusión deste Plan Único beneficioso para a veciñanza. En coherencia con toda a valoración que facemos cremos que o mais correcto é a abstención”.

As administracións esquecen Burela 

Despois de analizar os orzamentos de ingresos o voceiro do BNG sinala que “a suma de impostos directos, indirectos e taxas vaise case ó 60% do orzamento, experimentando un aumento de 142.000 euros, 260.000 nos últimos dous anos. En canto as transferencias correntes doutras administracións obsérvase unha redución significativa nos últimos anos. En concreto a Xunta e o Estado reducen a súa achega ó concello en 273.000 con respecto ó ano anterior, 448.000 euros nos dous últimos anos. Isto significa que mentres as administracións esquecen e discriminan a Burela a veciñanza ten que pagar esa situación do seu peto, vía impostos. É curioso que logo na prensa vemos anuncios de grandes inversións e fondos para a vila, pero a realidade e que seguimos agardando por obras tan importantes coma o pavillón polideportivo ou, sobre todo, a EDAR, que xa leva moitos anos de atraso”

Para finalizar o voceiro do bloque, Mario Pillado concluíu que “como solicitamos vía moción, a derogación da Lei de Estabilidade orzamentaria e Sostibilidade financeira liberaría os remanentes municipais, que serían de moita utilidade para facer fronte á crise que comezamos a padecer. Xa que as administracións non cumpren con Burela, polo menos que permitan que empreguemos os nosos recursos”.