Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O orzamento do Concello de Burela para 2020 ascende a máis de 7.300.000 euros

Por 6 Xuño, 2020Sin comentarios

Os presupostos municipais de Burela para o 2020 ascenden a máis de 7.300.000 euros. Foron aprobados onte cos votos a favor do PSOE, a abstención do BNG e os votos en contra do PP. O alcalde, Alfredo Llano, subliña as partidas destinadas a políticas sociais. Na sesión tamén foi aprobada unha declaración institucional en apoio de Alcoa en San Cibrao.

O rexedor explicou que “foi un Pleno ordinario telemático, a ver se o próximo xa pode ser presencial. Debatemos fundamentalmente dous puntos. Un deles foi o dos orzamentos, que este ano ascenden a 7.300.000 euros. No seu conxunto veñen garantir que se poden levar para adiante todos os servizos de calidade que está ofrecendo o Concello de Burela, que son moitos. No capítulo un temos a previsión de empregabilidade a través de vacantes que temos no Concello, pero tamén a través do Plan Único, que imos empregar a 10 persoas; de brigadistas outras 4 e tamén do RISGA. Temos un bo apartado de investimentos reais que van beneficiar ao conxunto da poboación tanto en asfaltados como en mellora de rúas e saneamentos. Tamén imos intentar axudar no máximo posible a colectivos tanto no aspecto cultural como deportivo e a aquelas outras asociacións ás que lles poidamos botar unha man”.

O alcalde subliñou que “sobre todo os orzamentos se van notar no aspecto social de todo o que deriva da pandemia e outras necesidades que poden vir detrás como poden ser o emprego, axudas a autónomos, a empresarios e a comerciantes. Xa leva unha partida importante para poder axudar a estes colectivos. Hai que dicir tamén que os orzamentos de Burela teñen un fondo que levamos un tempo xestionando a través da eficiencia, da eficacia e da responsabilidade, que estamos logrando unha posición da economía do noso Concello extraordinaria. Hai que ter en conta que a estes orzamentos imos poder subirlles a liquidación do ano 2019, onde temos 450.000 euros en positivo que podemos empregar en diversos temas. Un deles vai ser unha axuda directa aos autónomos e aos comerciantes, que esperemos que sexa unha cantidade que podería oscilar entre os 100.000 e os 120.000 euros, ademais do que xa levamos nos orzamentos que son 35.000 euros máis. Tamén imos procurar botar unha man a situacións derivadas da pandemia en axuda social, atención domiciliaria, dependencia e todas aquelas políticas sociais que pensamos que agora mesmo van ter necesidade”.

Alfredo Llano dixo que “no seu conxunto os orzamentos veñen dar saída ás necesidades de servizos que oferta o Concello de Burela para atender perfectamente a todos os veciños e ás veciñas. Pensamos que son garantistas de poder levar adiante a serie de proxectos que temos previstos, e tamén hai un remanente acadado durante todos estes anos de 3.800.000 euros, que é importantísimo. Penso que os orzamentos veñen verificar unha xestión responsable e pensada para o conxunto da poboación e para o ben común”.

O rexedor burelés manifestou que “o Bloque Nacionalista Galego verificou que está de acordo en moitas partidas e abstívose. O PP penso que vota sistematicamente non a todo, dálle igual o que se poida levar aos plenos, eles parece que con votar que non xa cumpriron. Din que non se presentou un informe cando non é verdade. A información que vai nos orzamentos é o que importa e iso forma parte do expediente dos presupostos. Din que se incrementan as partidas dos impostos que pode ser por subilos, cousa que non fixemos, e outra porque hai máis actividade no pobo, e agora mesmo hai unha serie de propostas de construción e de asentamento de negocios que dan lugar a incrementar un pouco a previsión da partida de impostos, taxas e prezos públicos. Polo tanto non está mal enfocado nin deriva dunha suba senón de que procuramos facilitar as labores de asentamento social e económico. Son uns orzamentos que aseguran que as necesidades da veciñanza de Burela estarán cubertas”.

Llano engadiu que “no Pleno tamén decidimos facer unha declaración institucional en defensa da factoría de Alcoa, fundamentada no acordo da Mancomunidade da Mariña onde consensuamos unha declaración para favorecer que non se perdan nin postos de traballo nin actividade na fábrica”.