Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O estado de alarma produciu unha reorientación do orzamento en Ribadeo

Por 11 Xuño, 2020Sin comentarios

O concelleiro de Economía, Pablo Vizoso, subliñou que durante o estado de alarma ocasionado polo Covid-19 entre pagos xa realizados, medidas implantadas e accións previstas produciuse unha reorientación do orzamento de 2020 por un valor que supera o millón e medio de euros co obxectivo de amortecer o impacto do coronavirus e reactivar a economía e a sociedade. 

Para o edil nacionalista os populares presentaron unha moción xenérica que non entrou no detalle das propostas para Ribadeo nin na forma de financiamento. Pablo Vizoso dixo que se dedicaron a solicitar a implantación de medidas, que xa foron adoptadas polo equipo de goberno desde o inicio do estado de alarma.

Vizoso Galdo dixo que “no día de onte celebramos dous plenos no Concello. O segundo tratou sobre a proposta de estratexia socio económica presentada polo Grupo Municipal do Partido Popular. E teño que dicir que no pleno evidenciouse que, a pesares de que o portavoz do Grupo Popular manifestaba que se trataba dunha proposta específica para Ribadeo, na realidade o que propuxo foi unha moción das cualificadas como tipo ou estándar e resultou ser basicamente xenérica sen entrar no detalle das propostas nin na forma de financialas”.  

O concelleiro ribadense indicou que “a maior parte da súa intervención dedicouna a solicitar a implantación de medidas e de accións que xa están adoptadas desde os primeiros momentos do estado de alarma por parte do Concello de Ribadeo como poden ser o aprazamento do pago de impostos, a suspensión das taxas de terrazas, ocupación da vía pública, mercados ou o servizo de asesoramento á cidadanía, autónomos e empresas, que contou cun nivel de resposta realmente elevado”.

Pablo Vizoso manifestou que “o equipo de goberno desde o primeiro momento da aparición desta crise leva traballando de forma coordinada e planificada en medidas coma as comentadas no ámbito fiscal e noutras doutro tipo, pero de importante alcance no ámbito da protección social como son os cheques de alimentos, en medidas de liquidez como pago a provedores que permitiu axilizar o pago de facturas por máis de 630.000 euros dende o pasado 13 de marzo e que evidentemente supón un alivio nas contas de moitos autónomos e empresas provedoras.  Por suposto no plano da reactivación económica propiamente dita: precisamente no pleno anterior aprobouse o convenio ampliado con Acisa e tratamos en detalle liñas do plan de reactivación do Concello, que contempla medidas como o portal de empresas de proximidade de Ribadeo, a presentación dunha estratexia de produción alimentaria territorial, campañas de incentivación do consumo, accións de dinamización ou un programa de mellora comercial e de transformación dixital. No Turismo seguimos traballando para posicionar a Ribadeo como destino seguro, destino de natureza, ademais de punto de inicio de Camiño Norte, evidentemente aspectos de gran valor no momento actual. E no capítulo de investimentos públicos traballamos na mellora da rede viaria nos núcleos rurais e no espazo urbano e na rede de saneamento.

O concelleiro de Economía subliñou que “en conxunto, entre pagos xa realizados, medidas implantadas e as accións previstas estamos falando dunha reorientación do orzamento deste ano por un valor que supera o 1.500.000 euros co obxectivo de amortecer o impacto do coronavirus e reactivar a economía e a sociedade”.

 

E engadiu: “de tódolos xeitos somos conscientes de que é necesaria a colaboración e a participación doutras administracións públicas con competencias nestes asuntos e, polo tanto, propostas sensatas e honestas polo progreso de Ribadeo serán sempre ben recibidas”.