Teorema de Bayes

Por Noelia Castro Yáñez

Todo parece moi lonxe, ata que se acerca. Así comeza Gabriela a súa última publicación en Mala Herba. E razón non lle falta. Porque a probabilidade de mercar entradas para o día que non era é sumamante alta, tanto como para rematar vendo O Rei León ao outro lado do océano nunha butaca que non che corresponde por obra dun milagre. Ou a de perder algo no mar e atopalo, coma cando perdimos a cadea de ouro de Ilde na praia en Lago e ao día seguinte a recuperamos. Alí aprendín que no mar, coma na vida, hai que deixar marcas. Botamos unha pedra no cachiño no que nos pareceu que a perderamos nunha competición de cambriolas submarinas, e de madrugada, coa marea baixa, o mar voltounos o que era noso. E así quero que sexa sempre, porque teño unhas Rayban agardando por min fondeadas preto dos Farillóns.

Esto non fai mais que confirmar as palabras da escritora: “A probabilidade de volver vivir unha primeira vez coa que xa non contabas, de cometer o mesmo erro varias veces, de coñecer ao amor da túa vida cando crías que xa estaba ou de ter un accidente que pode que xa non contes son todas e moitas.” A insoportable levedade do ser, coa súa teima do eterno retorno. Voltando sempre a onde un foi feliz pero dun xeito diferente, xa non fugaz como a vez primeira. Disque fan falla tan só vinte un días para crear un hábito, pero a min sóbranme vinte. Acostumo a implantar tradicións como forma habitual de proceder, os venres de sándwich club en Burela ata que atope outro mellor e as tardes dos domingos de fútbol nos chanzos dalgún equipo de segunda rexional. Porque se as cousas funcionan, para que cambialas? Agora sen gominolas, porque seica non facemos bo equipo o azucre e mais eu. Eu bótolle a culpa a un exceso de dozura mentras que o meu endocrino apela a un páncreas folgazán. Cuestión de perspectiva. A resposta á pregunta: “Por que a min?” foi, unha mala lotería. De novo as probabilidades xogándome unha mala pasada. Bayes luceuse conmigo no de casos favorables partido de casos posibles. Porque a probabilidade de ser diabética con vintetantos anos é tan baixa como a de atopar un ourizo cacho á tardiña de paseo. E ámbalas dúas me aconteceron nos últimos cinco días. Para unha rapaza de Pontedeume, todo esto serían sinais. E mesmo lles atoparía algunha explicación que cinco minutos despois ata eu atoparía racional. Mentras e non, eu sigo dándolle voltas a todo. Porque teimuda como son, tan só deixo de pensar cando comezo a sentir.

Cada vez que paso por un sitio no que tiven un instante de felicidade recórdoo con total nitidez, afortunada de min coa memoria visual e a pel de galiña disfrazada de frío. Mais teimuda ca min é a felicidade, que aparece cando non a buscas nin a agardas. Hai moitos anacos de pel que me gardan segredos, porque se algo dá felicidade é poder compartila. Porque alegrarte dos éxitos dos que te arrodea case tanto coma dos propios é ser feliz dúas veces. E se algo estou aprendendo cos anos é a gardar os recordos frouxiño na memoria para que cando estén a piques de desaparecer, os poda repetir. Porque é tremendamente racional ter medo, e hai que ser moi valente para ter o xusto. Nin moito que te frene nin pouco para ser temerario. Porque todo está moi lonxe ata que o tes diante dos fuciños. Porque o Coronavirus era cousa dos chinos, ata que houbo positivos en Foz.

E así deberiamos vivir, aproveitando todas e cada unha das oportunidades que se nos ofrecen e malgastando outras tantas. Saboreando unha tarta tres chocolates ata que che diagnostican diabetes tipo I. Insulinodependente e drama de primeiro mundo.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: