Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

‘Pensando en ti’, nova campaña dos comerciantes ribandenses

Por 16 Xuño, 2020Sin comentarios

Acisa Ribadeo pon en marcha unha nova campaña de promoción de Ribadeo, como o mellor destino de compras e de ocio.  Ademais a asociación estrea unha nova imaxe corporativa.

Pensando en ti é o lema da nova campaña de promoción que Acisa Ribadeo inicia nesta xornada de luns para potenciar a imaxe de Ribadeo coma un destino excepcional de vacacións, ocio e compras.

O presidente da patronal ribadense, Francisco Iriarte, indicou que “co comezo da nova normalidade en Galicia e coa previsible apertura da fronteira con Asturias o luns que ven, pensamos que xa era o momento de reactivar a nosa labor potenciando a imaxe de Ribadeo, para recordarlle os nosos veciños e veciñas que seguimos estando aquí, pensando neles e esperándoos, cos mellores produtos e servizos, o mellor prezo e cumprindo con todas as medidas de seguridade e hixiene”. E engade “estas semanas de desescalada podemos dicir que nos serviron de adestramento para adaptarnos ás novas normas e hoxe todo o empresariado tanto de comercio como de hostalaría está a prestar os seus servizos de forma totalmente segura para os nosos clientes”.

Pola súa banda o xerente de Acisa Ribadeo, Jesús Pérez, explicou que “esta campaña comeza hoxe e aínda que terá maior intensidade nas primeiras semanas non rematará ata setembro. Estará presente en toda Galicia e Asturias utilizando diferentes medios e formatos. Queremos que o nome de Ribadeo soe e se vexa durante todo o verán en ambas comunidades”.

Iriarte subliñou que “a campaña pretende reforzar a imaxe turística da vila, dando conta de todo o que se pode facer en Ribadeo durante o verán como mercar, comer, cear, vir de vacacións, vir de ponte, vir de fin de semana …”.

Cambio de imaxe corporativa

Acisa Ribadeo ven de renovar a súa imaxe, con novos logotipos e imaxes corporativas. Pérez Prada sinalou que “se trata dunha renovación que levabamos tempo querendo facer, e tras este período de parón forzado cremos que podía ser o momento adecuado, a modo de reinicio coma se empezásemos de cero, dunha forma global. O novo logotipo, conserva a esencia do anterior, tanto a chave de Ribadeo, símbolo de Acisa dende os seus inicios, coma a bandeira de Galicia, pero dándolle un aspecto mais moderno. Tamén se sacou o nome do interior do logo, para facelo mais visible e  deseñamos unha tipografía diferente, para deste xeito facer mais visible o nome de Ribadeo nas campañas que fagamos e que veciños e visitantes identifiquen mellor as nosas actividades coa nosa vila”.

O xerente de Acisa engade que “esta renovación da imaxe é o primeiro paso de toda unha serie de cambios que, se non hai novidade, se farán ao longo do ano, dentro dun proxecto integral de renovación e modernización de Acisa”.