Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Concello burelés prohibe a realización de fogueiras de San Xoán públicas

Por 20 Xuño, 2020Sin comentarios

A Concellería de Medio Ambiente de Burela ven de publicar un Bando no Taboleiro de Anuncios do Concello para informar sobre a realización das fogueiras e cacharelas do San Xoán, sobre o seu réxime de autorización, que este ano está condicionado pola situación de emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19. Toñi Eijo anuncia que non estarán permitidas aquelas de concorrencia pública e con carácter de actividade recreativa na vía pública ou en parcelas privadas. Só contarán con autorización as que se celebren en fincas privadas e teñan carácter familiar e privado.

Toñi Eijo subliña que “poderán ser obxecto de autorización por parte do Concello de Burela a realización, con ocasión da festividade do San Xoán e no período comprendido entre a noite do 23 e o 24 de xuño de fogueiras ou cacharelas ao aire libre, en parcelas privadas, sempre e cando sexan levadas a cabo no ámbito de actos e/ou celebracións de carácter privado ou familiar, que non se efectúen en espazos abertos ao público e que, polas súas características, non supoñan ningún risco para a integridade do dominio público, para a convivencia entre a cidadanía ou para os dereitos de terceiros”.

E engade que “a forma de solicitar as autorizacións para a realización das referidas fogueiras ou cacharelas, o réxime xurídico de aplicación e as condicións ás que se someten as queimas, están contidas nun Bando publicado no Taboleiro de Anuncios do Concello de Burela. Para obter a autorización será preciso presentar a oportuna solicitude antes das 14:00 horas, do día 23 de xuño de 2020, no rexistro do Concello de Burela, ou en calquera dos rexistros das Administracións Públicas habilitados ao efecto. O outorgamento da autorización – ou no seu caso, a súa denegación -, as condicións da mesma, e a lista de persoas autorizadas será publicada no Taboleiro de Anuncios, tanto da Sede Electrónica do Concello de Burela, como da propia Casa Consistorial.  Para a presentación de forma presencial no Rexistro do Concello de Burela, da solicitude para a realización das fogueiras anteriormente referidas, será preciso pedir cita previa chamando ao teléfono 982 58 60 00”.