Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Galicia porá a disposición do marisqueo axudas á reactivación do sector

Por 21 Xuño, 2020Sin comentarios

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, informou que aqueles profesionais do marisqueo a pé que pararon temporalmente a súa actividade durante a pandemia e non puideron beneficiarse da prestación por cese de actividade habilitada trala declaración do estado de alarma terán a posibilidade de acceder á vía de apoio específica para este sector que inclúe o plan Avantemar de reactivación para o eido marítimo-pesqueiro ante a crise derivada do coronavirus. Este programa da Xunta prevé máis de 5 millóns de euros para este sector procedentes do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca asignado a Galicia e de fondos propios da Xunta.

Esta medida, que foi presentada aos representantes da confraría e dos profesionais do marisqueo do Grove nunha xuntanza de traballo, enmárcase na liña que o plan dedica á dinamización e solvencia xeral das empresas e profesionais, unha das cinco que inclúe Avantemar co obxectivo de apoiar ao complexo mar-industria ante as importantes perdas acumuladas nos últimos meses e que se traducen nunha inxección global de 77 millóns de euros en 2020.

Un dos sectores máis afectados por esta pandemia é o marisqueo , que apenas puido faenar como consecuencia do peche efectivo da canle Horeca, a principal canle de venda dos seus produtos, e da caída dos prezos dun 96% pola baixa demanda no primeiro mes de vixencia do estado de alarma. A isto, engadiu a titular de Mar, súmase a imposibilidade para moitas persoas deste sector de acceder á prestación por cese de actividade, condicionada á caída do 75% dos ingresos respecto do semestre anterior.

De aí, subliñou Rosa Quintana, a importancia de dar cobertura a estes profesionais do marisqueo a pé, pois o plan deseñado pola Consellería do Mar pretende atender a todos os sectores e subsectores e fai especial fincapé naqueles que non se ven beneficiados polas achegas e medidas deseñadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ao abeiro da modificación do FEMP.

Así, dentro destes apoios para o marisqueo a pé serán subvencionables os días de inactividade desde 16 de marzo ata o 30 de xuño de 2020, ambos incluídos. Para o seu cálculo terase en conta a diferenza entre os días de actividade extractiva media durante o  período de referencia nos tres anos anteriores a 2020 -sen contar períodos extraordinarios- menos os días de actividade de cada mariscador neste ano durante a pandemia. Os días de actividade media extractiva nos tres anos anteriores -2017-2019- establécense por zonas agrupadas e por colectivos de a pé -marisqueo xeral, percebe e poliquetos-.

En canto ao importe dos apoios por día de inactividade, a conselleira do Mar sinalou que está por definir, pois a orde está en proceso de elaboración e existen discrepancias co Goberno central sobre a súa contía. Neste sentido, explicou que a Xunta propón unha aportación homoxénea de 90 euros por día de inactividade e mariscador, de acordo coa estimación media de ingresos do sector e que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación sinala que a achega debe ser de 50 euros por cada día de parada subvencionable. Por iso, engadiu a titular de Mar, o Executivo autonómico segue en contacto co Ministerio co obxectivo de flexibilizar ese requisito e que a contía se achegue o máis posible á proposta inicial defendida por Galicia como máis axustada á realidade do sector.

Outros apoios

Entre os apoios que inclúe Avantemar para os profesionais, a conselleira tamén destacou os destinados ás redeiras por valor de 400.000 euros para paliar os efectos de inactividade no colectivo como consecuencia da covid-19. Ademais, para os buques que tiveron actividade durante a pandemia e que rexistraron perda de ingresos, o plan contén máis de 7 millóns de euros, un apoio a maiores do que dispón o Estado á frota que parou totalmente a súa actividade durante a covid-19 pola caída comercial dos produtos e/ou polas condicións preventivas. Outra das medidas que salientou é a dirixida ás confrarías e entidades xestoras de lonxas polas perdas debidas ao descenso de facturación nos seus ingresos, dotada con 600.000 euros.

A maiores da liña de dinamización e a solvencia xeral das empresas e profesionais na que se enmarcan estas e outras medidas, Avantemar conta con outras catro liñas que son a relacionada coa sustentabilidade, liquidez e financiamento xeral, onde se enmarca, por exemplo, a flexibilización de taxas; a que ten que ver coa adecuación e sostemento das actividades conexas, a relacionada coa reorientación do sistema económico-comercial pesqueiro para adecuarse á situación social derivada da pandemia e por último a liña de adecuación e flexibilización administrativa. Todas elas, explicou Rosa Quintana, serán presentadas en detalle ao sector e o seu obxectivo e o do plan en xeral é reactivar o sector o antes posible e que ninguén quede atrás no camiño da recuperación.