Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Alcaldes da Mariña piden tranquilidade ante o repunte de casos de covid-19

Por 26 Xuño, 2020Sin comentarios

Os alcaldes da Mariña chaman á responsabilidade individual para loitar contra o covid-19, xa que en Burela e en Xove apareceron casos positivos nas últimas horas.

O alcalde, Alfredo Llano, dixo que “para a semana que vén vamos ter en Burela a xunta local de seguridade, na que hai unha serie de temas que temos que tratar, que son os máis comúns e que sempre se abordan neste tipo de reunións porque son os relativos á seguridade en xeral. Pero eu tamén quero propoñer que se analice como se pode mellorar a seguridade da poboación fronte ao coronavirus porque hai que recoñecer que na Mariña, concretamente en Xove e en Burela, temos casos positivos, xa hai alguén hospitalizado; e por tanto hai que facer unha chamada de atención porque a única maneira de evitar todo isto é coa responsabilidade individual de cada un. Cada persoa ten que esixir seguridade e ofrecela porque estase relaxando moitísimo todo isto e pode ser preocupante”.

Llano explicou que “un dos asuntos que vamos tratar é analizar como se pode facer para motivar e concienciar aos cidadáns porque se nos descoidamos pode haber retrocesos, o que nos volvería prexudicar moitísimo tanto individual como socialmente. Así que apelamos á responsabilidade de cada quen”.

O alcalde indicou que “en Burela hai moita xente que leva mascarilla, pero tamén hai outros moitos que non o fan. E as aglomeracións de xente en moitos sitios son preocupantes tamén, porque nunca se sabe onde está o coronavirus esperando. Moita da xente que agora dá positivo é asintomática. Por tanto aparentemente estamos todos perfectos pero calquera pode contaxiar. Debemos ser conscientes do que está ocorrendo e non descoidarnos”.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, pediu aos veciños e visitantes do municipio que manteñan as medidas de precaución para evitar contaxios e reclama máis medios sanitarios ao presidente da Xunta de Galicia.

O rexedor municipal focense explica que “despois da noticia aparecida nos medios de comunicación sobre un brote de positivos do Covid-19 en distintos puntos da Mariña, quero transmitirlles a todas as veciñas e veciños de Foz e tamén a todos os visitantes que acoden ao noso concello que manteñan as precaucións e que sexan rigorosos coas medidas sanitarias, con distanciamento entre persoas e uso de mascarilla sempre que sexa posible”.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, confirmou coas autoridades sanitarias que non hai positivos por coronavirus en Ribadeo neste momento. O rexedor dixo que a situación é moi cambiante e que non se sabe como será nos vindeiros días. Suárez Barcia fixo unha chamada á tranquilidade, á prudencia e á responsabilidade.

O rexedor declarou que “debemos todos ser moi prudentes coas nosas actuacións e debemos traballar como sociedade para que o esforzo terrible do confinamento valese para algo. De nada vai servir se agora, na nova normalidade, relaxamos as normas de distancia física, permitimos ou participamos en aglomeracións descontroladas, etc…”.

Suárez Barcia engadiu que “isto desde logo que vai para todos, para os que vivimos aquí todo o ano e para os que veñan visitarnos nos próximos tempos. Debemos facer noso o dito de máis vale previr que logo ter lamentar. Curémonos pois en saúde”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, comunicou que unha das persoas afectadas reside en Viveiro e que ela viña empregando todas as medidas de hixiene e seguridade establecidas, tanto na súa vida persoal como laboral; ademais, xa informou ás autoridades sanitarias das persoas coas mantivera contacto.

Dende a alcaldía fan a un chamamento á tranquilidade, pero lembrando sempre a necesidade de non baixar a garda e manter todas as medidas de protección establecidas, utilizando a mácara sempre que non sexa posible manter a distancia social, así como todas as demais medidas establecidas para preservar a seguridade e saúde pública. Esta petición para extremar as precaucións faise extensible, así mesmo, a todas aquelas persoas que chegan ao noso municipio chegadas de fóra.