Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O alcalde de Burela fai un balance moi positivo das XXVII Xornadas Técnicas Expomar

Por 26 Xuño, 2020Sin comentarios

O alcalde, Alfredo Llano, fai un balance moi positivo das XXVII Xornadas Técnicas Expomar que se celebraron esta mañá, a través de vídeo conferencia. O rexedor tivo palabras de agradecemento para ABanca por facilitar a plataforma que posibilitou esta cita, que foi clausurada pola conselleira do Mar, Rosa Quintana. Máis de 300 persoas seguiron as Xornadas. Mañá, venres, terá lugar o XXI Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras.

O alcalde burelés contou que “hoxe tivemos a edición número 27 das Xornadas Técnicas. Fixémolo dunha maneira singular, foi a través de vídeo conferencia, porque evidentemente de forma presencial ía ser difícil. Non se puido facer cando correspondía, que era o 28 e 29 de maio, pero derivado do compromiso que temos desde a Fundación Expomar co sector náutico pesqueiro, pensamos que era necesario realizar, aínda que fose de maneira telemática, estas Xornadas. Agora mesmo o sector demanda varias solucións, claridade, certeza para seguir pescando onde viña pescando e unha serie de cuestións que cremos que eran importantes e así se fixo durante toda a mañá”.

Alfredo Llano explicou que “houbo dúas representacións, unha delas a través das administracións central e autonómica, e outra a través da patronal e das diferentes asociacións que teñen os armadores”.

O rexedor pensa que “estivo moi interesante. Expúxose de forma profunda e rigorosa o sentir de cada unha das partes. Houbo unha participación grandísima porque case chega aos trescentos seguidores, que de forma presencial sería difícil. Estivo todo coordinado por Javier Fraga, responsable de ABanca Mar, á que hai que darlle as grazas por asegurarnos unha plataforma para que saíra adiante a vía telemática. O peche foi a cargo de Rosa Quintana, a conselleira do Mar. Creo que estas Xornadas Técnicas tiveron un contido profundo, foi telemático pero tivo moita repercusión no sector. Penso que foi unha boa oportunidade para a xente que ten interese en ver como está o sector, como pode influír económica e socialmente esta actividade, que tanto nos preocupa e que debemos continuar con ela. Se non hai máis remedio que facelo telematicamente, pois hai que utilizar este sistema para facer as cousas o mellor posible”.

Llano engadiu que “que foi unha xornada extraordinaria, positiva, onde se participou dunha maneira rigorosa a través das administracións e do sector náutico pesqueiro, que sacaron unhas conclusións que se van presentar máis argumentadas mañá no Encontro Empresarial, que empezará sobre ás dez da mañá. Sacarán unhas conclusións que son sempre interesantes, esclarecedoras e motivadoras para pasalas tanto ás administracións como ao resto do sector, para seguir axudando, apoiando e definindo claramente o que quere o sector náutico pesqueiro. Culminaremos mañá esta edición, que é a 21 do Encontro Empresarial e a 27 das Xornadas Técnicas. Esperemos que sexa efectiva e que realmente veña consolidar un pouco o interese do pobo de Burela e do sector náutico pesqueiro de Burela con respecto aos temas que preocupan no sector tanto en Galicia, como en España como en Europa”.