Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

A Asociacións de Alfombristas pide declarar BIC o alfombrismo galego

Por 27 Xuño, 2020Sin comentarios

A Federación de Asociacións de Alfombristas Galegos de Arte Efémera solicita á Xunta de Galicia a declaración de ben de interese cultural para o alfombrismo galego, entendido como o conxunto de técnicas e coñecementos ancestrais que dan apoio ás alfombras de arte efémero que se confeccionan nos espazos públicos das localidades galegas que manteñen a tradición.

Esta declaración enmárcase e integrarase dentro dun proxecto mundial que está desenvolvendo a Coordinadora Internacional de Alfombristas de Arte Efémero, á que pertence a Federación Galega, e moitas máis de tres continentes.

Dos integrantes españois da Coordinadora Internacional é Galicia a única comunidade autónoma que aínda non declarou BIC o alfombrismo, que xa foi declarado polos gobernos das comunidades autónomas de Cataluña, Canarias, Castilla-León e Murcia, que son as comunidades con tradición de alfombrismo. Galicia é a comunidade autónoma que aglutina máis colectivos alfombristas en todo o estado, polo que debe ser considerado como Patrimonio Inmaterial, coa categoría de Ben de Interese Cultural.

A Federación Galega está composta polos alfombristas de Burela, Ponteareas, Bueu, Rianxo, Moaña, Ames, Cela (Bueu), Redondela, Cangas do Morrazo, Miño e Cerponzóns (Pontevedra), que son os que apoian esta petición.

Para dar apoio científico, histórico e antropolóxico á tramitación da Declaración de ben de interrese cultural , a Federación aporta un completo informe histórico e antropolóxico que aos efectos redactou a prestixiosa Historiadora e Antropóloga dona Ana Filgueiras Rei.

O primeiro e único informe histórico e antropolóxico feito ata o momento en Galicia fixa a orixe das alfombras nas rúas e prazas das localidades galegas en Ourense, no ano 1323, e posteriormente na cidade de Pontevedra. Son as alfombras florais máis antigas de Galicia. Actualmente, máis de 100 localidades galegas confeccionan alfombras efémeras no seu espazo público.

A experta antropóloga, que investigou fondamente a historia e as circunstancias das alfombras, afirma que os coñecementos e as técnicas utilizadas polos alfombristas constitúen, sen dúbida ningunha, un patrimonio cultural inmaterial que é necesario protexer, divulgar e fomentar o intercambio entre as distintas asociacións para garantir o seu mantemento e transmisión a xeracións futuras, “unha tradición venerable con temperamento propio que permanece viva por vontade da súa transmisión, que resiste e persiste e por tanto ten dereito a continuar”, e inclúe no seu informe diversas propostas que van encamiñadas a promover o seu mantemento no tempo.

Ana Filgueiras Rei afirma que “as celebracións florais manifestan o xenio, a poética e a alegría espiritual do pobo galego” e son “reliquias culturais nas que converxen aspectos e saberes de diversa procedencia, sendo ao mesmo tempo unha expresión individual e colectiva, antiga e nova, con vocación universal”.