O Goberno Galego presenta a normativa para a nova normalidade

O Goberno Galego vén de publicar a norma normativa que estará activa durante a etapa de nova normalidade e que supón un endurecemento dalgunhas das medidas xerais postas en marcha polo Goberno.

Así, en Galicia, a máscara será obrigatoria en practicamente todas as situacións e considérase un elemento engadido á distancia de seguridade interpersoal dun metro e medio. Agora haberá que usala “sempre que se transite ou se estea en movemento pola vía pública e en espazos ao aire libre e, pola concorrencia doutras persoas, non se poida garantir en todo momento, atendidos o número de persoas e as dimensións do lugar, o mantemento da distancia de seguridade”. Ademais, será obrigatoria en todos os espazos pechados sempre que se coincida con outras persoas, independentemente de que se poida manter unha separación de metro e medio co resto de xente. Só exceptúanse “os supostos en que se poida permanecer sentado se por parte da persoa titular do espazo adóptanse medidas que garantan en todo momento o mantemento da distancia de seguridade interpersoal entre as persoas usuarias”. As máscaras usadas pola poboación xeral non poderán ter válvula exhalatoria, que queda reservada ausos profesionais.

Contaxiados. A Xunta establece a obrigación de que as persoas con sintomatoloxía compatible con covid-19 non saian do domicilio e que o comuniquen ao servizo sanitario o máis axiña posible. Ademais, se existen conviventes no domicilio deberase evitar o contacto con eles e, se é posible, usar unha habitación de forma exclusiva ata recibir instrucións do servizo sanitario. Tamén se converte en obrigatorio legalmente o cumprimento de medidas de illamento ou corentena prescritas nos casos de casos confirmados ou sospeitosos de infección polo virus.

Orquestras e bandas musicais. No caso de coros e agrupacións vocais terase que respectar en todo momento a distancia da de seguridade interpersoal entre os integrantes do coro ou da agrupación e, polo menos, de 3 metros entre estes e o público e será obrigatorio, en calquera caso, o uso de máscara durante toda a actuación.

Para as orquestras, bandas e outras agrupacións establécese que durante a actuación e os ensaios as persoas integrantes deberán manter a distancia de metro e medio entre eles e de no ser posible deberán reducir o número deles. Durante toda a actuación ou ensaio será obrigatoria a máscara agás para os vocalistas e intérpretes de instrumentos de vento que só poderán quitala no momento da súa intervención.

Actos de culto. En actos de culto en espazos exteriores haberá que delimitar o espazo ou itinerario e a asistencia de publico será dun máximo de 1.000 persoas. En todo caso, será obrigatorio o uso de máscaras aínda que tamén haberá que procurar manter a distancia de seguridade.

Albergues. Na modalidade de aloxamento turístico de albergue, auméntase o aforo desde o 50% permitido ata o de agora, ao 75%.

Eventos deportivos. A celebración das competicións deportivas federadas e dos eventos deportivos en espazos abertos e con acompañamento de público na vía pública deberá ser aprobada pola autoridade municipal ou autonómica competente. Con carácter previo á celebración, delimitarase o espazo ou itinerario e a asistencia de público estará limitada a un máximo de 1.000 persoas. Procurarase manter a distancia de seguridade interpersoal e o uso de máscara será obrigatorio para todo o público asistente. Esta norma establece a posibilidade de exceptuar, de maneira extraordinaria e coas debidas garantías, os límites de aforo e asistencia en eventos ou actividades multitudinarias.

Poboación infantil e xuvenil. Poderán realizarse actividades de tempo libre destinadas á poboación infantil e xuvenil, cando estas leven a cabo ao aire libre, sempre que se limite o número de participantes ao 75% da súa asistencia máxima habitual, cun máximo de 250 participantes, incluíndo os monitores. Cando estas actividades realícense en espazos pechados, non se deberá superar o 75 por cento do aforo máximo do recinto, cun máximo de 150 participantes, incluíndo os monitores.

Praias. Cada usuario terá tres metros cadrados. É dicir, é un metro menos que o fixado ata o de agora. Ademais, a nova resolución dá potestade aos concellos para establecer limitacións tanto de aforo de praias como límites de tempo de permanencia nas mesmas, así como no acceso aos aparcamentos. Os concellos tamén terán que garantir que nas zonas de acceso e saída non se produzan aglomeracións.

Parques infantís. Os parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas, pistas skate ou espazos de uso público ao aire libre similares poderán estar abertos ao público cun aforo máximo estimado dunha persoa por cada tres metros cadrados.

Locais de xogo. Poderán realizar a súa actividade sempre que non se supere o 75% do aforo permitido.

Escolas de música e danza. Na actividade formativa en conservatorios, escolas de música e danza, todos os profesores e alumnos que non utilicen instrumentos de vento deberán levar máscara durante toda a clase. Os alumnos e profesores de instrumentos de vento só quitarán a máscara no momento de uso do instrumento, recomendarase o uso doutros elementos como pantallas ou biombos de separación. Os bailaríns deberán usar tamén máscara.

Transporte. Nos vehículos de ata nove prazas, incluíndo os condutores, poderán desprazarse tantas persoas como prazas teña o vehículo; ocuparanse en último lugar as prazas da fila do condutor.

Lecer nocturno e verbenas. A partir do 1 de xullo poderán abrir todos os establecementos de lecer nocturno e tamén poderán celebrarse festas, verbenas e outros eventos populares.

Discotecas

  • O aforo deberá ser de  dous terzos.
  • O consumo dentro do local poderá realizarse en barra ou sentado en mesa.
  • As terrazas ao aire libre destes establecementos limitarán o seu aforo ao 75%. A ocupación máxima será de vinte e cinco persoas por mesa ou agrupación de mesas.
  • No caso de que exista zona de baile, permitirase o seu uso cunha ocupación que en ningún caso será superior á que resulte da asignación de tres metros cadrados de pista por cada usuario.
  • Tanto os clientes como os traballadores do establecemento deberán portar máscara. Non deberá permitirse a presenza no establecemento daquelas persoas que incumpran esta obrigación.
  • Os establecementos deberán levar un rexistro para permitir aos clientes achegar, en todo caso voluntariamente, un número de teléfono para facilitar a súa localización polas autoridades sanitarias.

Festas e verbenas

  • Aforo máximo dunha persoa por cada tres metros cadrados da superficie útil do recinto, ata un máximo de 1.000 persoas para os espazos cunha superficie útil menor ou igual a 8.000 metros cadrados. No caso de que a superficie útil do recinto sexa superior aos 8.000 metros cadrados, o límite máximo será de 2.000 persoas.
  • Deberá acoutarse o espazo destinado con puntos diferenciados para a entrada e saída do recinto onde se establecerán controis de aforo.
  • Se existe un escenario, deberá establecerse un perímetro cercado con 4 metros de distancia entre o escenario e o público. En ningún caso permitirase o acceso de persoas do público ao escenario.
  • Tanto os asistentes como o persoal de organización deberán portar máscara de maneira obrigatoria.
  • Dispoñeranse dispensadores de solución/xel hidroalcohólico ou antisépticos nos puntos de entrada e saída do recinto,   establecementos de restauración, aseos e postos de venda.

Atraccións de feira

  • Aforo máximo dunha persoa por cada tres metros cadrados de superficie útil do recinto, ata un máximo de 700 persoas para os espazos cunha superficie útil menor ou igual a 8.000 metros cadrados. No caso de que a superficie do recinto sexa superior aos 8.000 metros cadrados, o límite máximo será de 2.000 persoas.
  • Tanto os asistentes como o persoal das atraccións deberán portar máscara de maneira obrigatoria.
  • No caso das atraccións que dispoñan de asentos, poderá ocuparse ata un máximo que permita manter a distancia de seguridade interpersoal entre os ocupantes e reducirase ao cincuenta por cento o número de asentos de cada fila que se poidan ocupar no caso de que esta distancia non se poida asegurar. Esta limitación non será de aplicación en caso de persoas conviventes. No caso de atraccións que non teñan asentos incorporados, o seu aforo máximo será do cincuenta por cento do aforo máximo da atracción.

Consulta o documento completo neste enlace

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: