Abre o prazo para solicitar a inscrición nos 29 campos de voluntariado

Xa está aberto o prazo para inscribirse nun dos 29 campos de voluntariado que oferta a Xunta de Galicia dentro da campaña O verán que necesitas. Poranse á disposición dos maiores de 18 anos da comunidade un total de 348 prazas repartidas en campos adaptados ao novo escenario provocado pola crise sanitaria da covid-19.

A situación provocada pola emerxencia sanitaria derivada da covid-19 fai moi necesario ofertar á mocidade un recurso de educación non formal para o tempo de lecer. Os campos de voluntariado son actividades encamiñadas a favorecer e fomentar a convivencia, a tolerancia e a solidariedade. Polo tanto, permitiralles beneficiarse, coas máximas garantías de prevención e hixiene, dunha experiencia enriquecedora.

Así mesmo, este ano hai tres novidades principais nesta iniciativa: os campos serán de ámbito autonómico con prazas só para mozos e mozas de Galicia; a convivencia será dun máximo de 12 persoas participantes, máis o equipo técnico; e as actividades desenvolveranse baixo as medidas de prevención e seguridade ditadas polas autoridades sanitarias.

Desta maneira, das 348 prazas que oferta o Goberno galego, 108 encóntranse nos 9 campos de voluntariado que se celebrarán na provincia de Pontevedra; 96 distribúense entre as oito iniciativas que haberá na Coruña; e tanto en Lugo como en Ourense celebraranse seis campos, isto é, 72 prazas en cada provincia.

Nova oferta

Destes 29 campos de voluntariado, 12 deles son novos este ano. A provincia de Lugo contará con catro novas iniciativas: dúas baixo o nome Os Campos do camiño, un no municipio de Palas de Rei e outro en Triacastela; Castro de Vilalonga, en Castro de Rei; e Alejandrina Álvarez en Ribas de Sil. A de Coruña terá tres novos: A Ciadella, no concello de Sobrado dos Monxes; Encaixe no camiño, en Camariñas; e o campo de voluntariado Amicos, en Boiro.

En Pontevedra os novos campos celebraranse en Lalín, baixo o nome de Tradición en verde; en Salvaterra de Miño, titulado Monte Castelo; e en Campo Lameiro, con a Idade de Bronce. Pola súa banda, Ourense poderá contar este ano con O noso rural, a nosa istoria, en Ribadavia; e Pereiro, en O Pereiro de Aguiar.

Como solicitar praza

O prazo desta convocatoria ábrese mañá ás 16,00 h e pecharase 3 días antes do inicio de cada campo. As prazas serán adxudicadas, mentres existan vacantes, por orde de recepción. A solicitude presentarase mediante un formulario en liña, que estará dispoñible na páxina web xuventude.xunta.es, onde se pode consultar toda a información sobre esta actividade. A cota de inscrición para todos os campos é de 110 euros; con desconto dun 25% por Carné Xove, familia numerosa ou monoparental.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: