Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Chega a Burela a campaña #CóntamoCoaMirada

Por 28 Xuño, 2020Sin comentarios

O Concello de Burela colabora coa campaña #CóntamoCoaMirada, iniciativa do Servizo de Farmacia do Centro de Saúde de Burela na que tamén participa o Hospital Público da Mariña.

Carmela López, concelleira de Servizos Sociais, explica que “o principal obxectivo é axudar a concienciar na importancia de fomentar o uso da máscara na Mariña. Para isto convidamos a gravar un vídeo en horizontal lanzando unha mensaxe curta mirando á cámara coa máscara posta, e despois subilo ás redes sociais cos hashtag #CóntamoCoaMirada e #AMariñaLevaMáscara”.

E engade que “as mensaxes que deben transmitirse nos vídeos son para non relaxarse, usar as máscaras en bares, terrazas, supermercados e lugares pechados, non baixar a garda e facelo por un, pola súa familia e polos seus amigos”.

Carmela López lembra que “o virus sigue entre nós e temos que controlalo. O rastreo está permitindo localizar os contactos dos positivos do rebrote que temos agora mesmo na Mariña. Hai que previr e para iso é moi importante o uso da máscara. Imos inundar as nosas redes sociais con imaxes ou vídeos coa máscara posta para que entendamos que isto é cousa de todos, e de nós depende controlar este brote e evitar os que poidan vir no futuro”.

O Concello ofrece axuda ás persoas confinadas sen coidadores

Desde o Concello burelés tamén se pon en marcha a campaña Axudámosche a confinarte. A concelleira de Servizos Sociais sinala que “debido á nova situación e aos positivos e contactos directos dos mesmos confinados cos que contamos xa na nosa área sanitaria, na Mariña, precisamos asegurarnos de que non saen á rúa e de que aqueles que viven sos e non teñen asistencia, poidan contar con axuda”.

Carmela López subliña que “si unha persoa é positivo ou está en contacto directo cun positivo, neste último caso aínda que a súa PCR dera negativo, deberá permanecer confinado no seu domicilio, tal e como lles indicarán desde o Servizo de Vixilancia do Sergas”.

Por este motivo desde o Concello ponse en marcha a devandita campaña Axudámosche a confinarte: “queremos estar a carón das persoas que non contan con apoio de ningún tipo para facerlles a compra de alimentos, medicamentos, para sacar o lixo… o obxectivo é evitar que os confinados saian á rúa e así frear a propagación do virus”.

López pide “responsabilidade á veciñanza. Temos que facer fronte a este brote e a outros futuros e soamente o conseguiremos se actuamos con sentido común e sendo responsables”.