Gonzalo Caballero di que como presidente da Xunta pedirá garantir o futuro de Alcoa

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, anunciou que na primeira semana á fronte da Xunta “pedireille ao presidente do Goberno unha xuntanza para tratar a política industrial galega e buscar unha solución co compromiso de manter o emprego da planta de Alcoa” en San Cibrao. Reivindicou unha “política industrial clara, a carón do goberno de España para defender con firmeza os intereses de Galicia”.

Gonzalo Caballero incidiu en que cando a empresa, “logo de recibir millóns de euros de cartos públicos quere retirarse, temos a un goberno que lle está a dicir que ten que manter os compromisos co emprego, e que se se vai retirar debe indemnizar e devolver os fondos públicos que recibiu a cambio de manter o emprego”.

Así mesmo, chamou a “convocar un gran acordo de país” para revitalizar a economía en tempos de crise e “tamén para unha nova política económica e industrial”, logo da xestión “inexistente” logo de 11 anos de Goberno de Feijóo, que “dos 20 buques que prometera con Pemex só quedaron dous e un alto directivo preso por corrupción”

Neste acto pediu o voto para o PsdeG, para “facer de muro de contención, tamén en Galicia, fronte á dereita e á ultradereita”. Así o dixo nun mitin en Vilalba, xunto coa cabeza de lista ás eleccións autonómicas, Patricia Otero, a Alcaldesa Elba Veleiro e o Presidente da Deputación e Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé.

Gonzalo Caballero chamou á mobilización dos socialistas galegos que nas convocatorias electorais de 2019 romperon coas sondaxes e puxeron ao PSdeG á fronte dunha maioría progresista que superou á dereita en todas as convocatorias electorais. De aí, explicou, a estratexia conservadora de “impoñer relatos que nos queren facer pequenos” para “inmobilizar ao electorado moderado progresista e socialista”.

O líder dos socialistas galegos dixo que “a historia amosa que en Galicia só hai cambio cando o lidera o PSdeG”, e por iso “o PP a quen ataca é ao PSdeG e ao líder do PSdeG, porque saben que somos alternativa real”, e “a quen lle teñen medo é ao PSdeG”. Dixo que “a dereita prefire xogar á confusión e tratar entre algodóns a outras forzas progresistas”.

A cabeza de lista das eleccións autonómicas pola provincia de Lugo, Patricia Otero, afirmou que “o 12X temos que gañar as enquisas, porque o PSOE é o partido da confianza, da xustiza, é un verdadeiro exemplo de Goberno. Estamos preparados para traballar a reo nesta nova andaina”. Explicou que dende o primeiro momento, os Alcaldes e Alcaldesas socialistas da provincia, “estiveron a pé de pais, promovendo iniciativas para non deixar a ninguén atrás nos nosos concellos, eles son o verdadeiro exemplo desta pandemia ante o abandono do Goberno de Feijóo”.

“Temos que loitar polo noso sector primario, reactivar a economía,  crear o emprego, e agora temos unha oportunidade única da man do Goberno de Pedro Sánchez. Non podemos deixar pasar este momento político, o 12X temos que apoiar a un goberno útil e progresista”, resumiu.

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, dixo “non é o mesmo que o goberne a dereita e a esquerda neste pais. Necesitamos un cambio en Galicia que encabezará Gonzalo Caballero, e o PsdeG ten que pilotar este novo proxecto para saír desta crise. E só hai unha receita traballo, traballo e traballo. O 12 X temos que saír a votar polo progreso deste pais”, resumiu.

O presidente da Deputación e alcalde de Monforte de Lemos, Jose Tomé Roca advertiu  que “Galicia necesita un cambio tras 12 anos de Goberno de Feijóo. El é o único responsable do que pasou en Galicia, comezando por Alcoa. Falta a primeira proposta ou primeiro euro da Xunta nun plan industrial para Galicia e os galegos. Temos que saír a rúa e conseguir que a política volva a estar ao servizo dos cidadáns”, insistiu.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: