Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Os produtores pesqueiros galegos contarán con 2,3 millóns de euros en axudas

Por 28 Xuño, 2020Sin comentarios

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou o centro de estabulación de marisco instalado na lonxa da Illa de Arousa -unha infraestrutura que permite gardar e conservar o marisco ata a súa poxa- onde explicou que proxectos coma este poderán acceder aos 2,3 millóns de euros previstos na convocatoria de 2020 de achegas para os plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueiros (OPP), uns apoios cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que foron mellorados este ano para facer fronte á crise derivada da alerta sanitaria polo coronavirus.

A titular de Mar explicou que o Diario Oficial de Galicia publicará nas vindeiras semanas a convocatoria de axudas e incidiu en que os cambios introducidos no FEMP permiten que o límite máximo de achega aos plans de produción e comercialización pase do 3% ao 12% do valor medio da produción das OPP nos últimos tres anos, o que permite ás organizacións do sector dispoñer de máis recursos para o desenvolvemento da súa actividade.

Esta medida forma parte do plan galego Avantemar para a reactivación do complexo mar-industria ante a crise do coronavirus, que inclúe cinco liñas de apoio ao sector e un orzamento para este ano de 77 millóns de euros. As achegas para as organizacións de produtores enmárcanse nas medidas para dotar de liquidez e financiamento ao sector co obxectivo de garantir a súa sustentabilidade.

O plan deseñado por Galicia para facer fronte ás consecuencias económicas da covid-19 no eido do mar pretende atender a todos os sectores e subsectores e fai especial fincapé naqueles que non se ven beneficiados polas achegas e medidas deseñadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ao abeiro da modificación do FEMP. Entre elas inclúense 7,3 millóns de euros de apoio aos barcos que mantiveron a súa actividade durante o estado de alarma a pesar de non ser rendible -as medidas estatais no marco do FEMP só benefician aos buques que pararon a actividade- e máis de cinco millóns de euros para os profesionais do marisqueo que non puideron acceder á prestación extraordinaria por cese de actividade habilitada polo Goberno central.

O programa Avantemar tamén inclúe medidas para outros traballadores do sector como as redeiras, cun orzamento de 400.000 euros, ou para as confrarías e entidades xestoras de lonxas polas perdas derivadas do descenso dos seus ingresos como consecuencia das menores vendas durante o confinamento, unha acción que está dotada con 600.000 euros.

A maiores da liña de liquidez e financiamento do sector, na que se enmarcan as medidas de apoio ás OPP, o plan deseñado por Galicia inclúe outras iniciativas para favorecer a dinamización e a solvencia xeral das empresas e profesionais do complexo mar-industria, para a adecuación e sostemento das actividades conexas, para a reorientación do sistema económico-comercial pesqueiro adecuándoo á situación social derivada da pandemia e para a adecuación e flexibilización administrativa. Todas elas, explicou Rosa Quintana, están a ser presentadas en detalle ao sector co obxectivo de reactivalo o antes posible e que ninguén quede atrás no camiño da recuperación poscovid-19.

Centro de estabulación

O centro de estabulación de marisco da lonxa da Illa de Arousa é unha das accións que formaron parte do plan de produción e comercialización de 2019 da Organización de Produtores Pesqueiros OPP-20 co obxectivo de poder gardar o marisco (crustáceos e cefalópodos) e conservalo coa posibilidade de poxalo dous ou tres días despois da súa captura en función dos prezos que acade.

A actuación foi executada en 2019 polo que opta ao apoio da Consellería do Mar para este tipo de proxectos, sendo subvencionable ata o 90% do seu custo total. O centro de estabulación da Illa de Arousa conta cun equipo frigorífico con varios depósitos, un sistema de bombeo, depuración e filtrado e 10 mesas de aceiro inoxidable para a selección do produto. O seu custo superou os 85.000 euros.