O Pedro Murias, de Ribadeo, ofrece un ciclo de técnico en traballos forestais

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias, de Ribadeo, ofrece por primeira vez un ciclo medio de Formación Profesional Dual de técnico en traballos forestais e de conservación do medio natural.

Este ciclo é de dous anos e inclúe 2.480 horas de prácticas en empresa cun salario de 500 euros ao mes durante esa formación e cotización á Seguridade Social.

A este ciclo poden acceder os maiores de 18 anos que carezan de cualificación profesional, conten con título de ESO ou equivalente e non tiveran un contrato de formación e aprendizaxe anteriormente.

Nesta iniciativa participan a Asociación de Transformación da Madeira de Lugo e as empresas Tojeiro y Vidal SL, Maderas Míguez de Burela SL, Maderas Díaz Ramos SL, Maderas Villapol SA, Centro Técnico de Maquinaria Forestal SL, Viveros Mañente SL e Edelmiro López SL.

No ciclo inclúense tamén actividades formativas cun programa Erasmus+ de prácticas en Finlandia para alumnado e profesorado e ademais formación continúa no centro Pedro Murias a cargo de técnicos finlandeses e doutros países nos que o sector forestal ten moita importancia.

O centro Pedro Murias dispón de residencia para o alumnado que curse este ciclo formativo.

O prazo de inscrición para a admisión está aberta ata o 8 de xullo e os interesados poden obter máis información a través dos teléfonos 981.546. 664 ou 639.884.945 ou na web da Xunta de Galicia.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: