Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

As redeiras contarán con axudas para a reactivación do sector

Por 2 Xullo, 2020Sin comentarios

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, informou de que as redeiras que rexistraron unha redución nos seus ingresos como consecuencia da alerta sanitaria pola covid-19 e non puideron beneficiarse da prestación por cese de actividade habilitada trala declaración do estado de alarma terán a posibilidade de acceder á vía de apoio específica para este sector que inclúe o plan Avantemar de reactivación para o eido marítimo-pesqueiro ante a crise derivada do coronavirus. Este programa da Xunta prevé 400.000 euros para este sector procedentes de fondos propios da comunidade autónoma.

Esta medida, que foi presentada ás representantes das redeiras de Porto do Son nun encontro que tivo lugar na nave de redes, enmárcase na liña que o plan dedica á dinamización e solvencia xeral das empresas e profesionais, unha das cinco que inclúe Avantemar co obxectivo de apoiar ao complexo mar-industria cunha inxección global de 77 millóns de euros en 2020 ante as importantes perdas acumuladas nos últimos meses.

Un dos sectores que máis se resentiron por esta pandemia, debido ao freo da actividade pesqueira, é o das redeiras. A isto, engadiu a titular de Mar, súmase a imposibilidade para moitas traballadoras deste sector de acceder á prestación por cese de actividade habilitada polo Goberno central.

De aí, subliñou Rosa Quintana, a importancia de dar cobertura a estas profesionais, pois o plan deseñado pola Consellería do Mar pretende atender a todos os sectores e subsectores e fai especial fincapé naqueles que non se ven beneficiados polas achegas e medidas deseñadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ao abeiro da modificación do FEMP para facer fronte á pandemia.

En concreto, a estes apoios poderán acceder as redeiras autónomas e asociadas a algunha das entidades galegas deste ámbito que desempeñasen a actividade de armado de redes no ano anterior á data de presentación da solicitude e que non se puideron beneficiar do cese de actividade habilitado trala declaración do estado de alarma. A través deles poderán acceder a un pago único de 450 euros por redeira co que se pretende compensar a menor actividade rexistrada durante a alerta sanitaria polo coronavirus.

Outros apoios

Entre as medidas que inclúe Avantemar para os profesionais, a conselleira tamén destacou as destinadas aos profesionais do marisqueo que pararon temporalmente a súa actividade durante a pandemia debido ao peche da canle Horeca, a súa principal canle comercial, e que non puideron beneficiarse polo cese de actividade habilitado trala declaración do estado de alarma. Para eles o plan prevé máis de 5 millóns de euros con fondo FEMP asignado a Galicia e con fondos propios.

Ademais, para os buques que tiveron actividade durante a pandemia e que rexistraron perda de ingresos, o plan inclúe máis de sete millóns de euros, un apoio a maiores do que dispón o Estado para a frota que parou a súa actividade durante a covid-19 pola caída de prezos dos produtos e/ou polas condicións preventivas. Outra das medidas que salientou é a dirixida ás confrarías e entidades xestoras de lonxas polas perdas debidas ao descenso nos seus ingresos pola menor actividade, dotada con 600.000 euros.

A maiores da liña de dinamización e solvencia xeral das empresas e profesionais na que se enmarcan estas e outras medidas, Avantemar conta con outras catro liñas de actuación que son a relacionada coa sustentabilidade, liquidez e financiamento xeral, onde se enmarca, por exemplo, a flexibilización de taxas; a que ten que ver coa adecuación e sostemento das actividades conexas, a relacionada coa reorientación do sistema económico-comercial pesqueiro para adecuarse á situación social derivada da pandemia e, por último, a liña de adecuación e flexibilización administrativa. Todas elas, explicou Rosa Quintana, están a ser presentadas en detalle ao sector e o seu obxectivo, así como o do plan no seu conxunto, é reactivar o sector o antes posible e que ninguén quede atrás no camiño da recuperación.