Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

O BNG suspende os actos públicos na Mariña “por responsabilidade social e política”

Por 3 Xullo, 2020Sin comentarios

A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil, xunto coa Alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, anunciaron hoxe en rolda de prensa que o BNG anula os actos públicos convocados na comarca da Mariña “debido á situación sanitaria que durante os últimos días se está a vivir na comarca”. 

Rodil afirmou que “é unha decisión complicada, mais por responsabilidade social e política tivemos que actuar ante a situación actual”. A candidata do BNG reclamou da Xunta de Galiza “protocolos e medidas claras para afrontar este tipo de rebrotes e para asegurar que as persoas afectadas poidan exercer o seu dereito ao voto”. Ademais, Olalla Rodil solicitou transparencia nos datos do rebrote “para que o conxunto das galegas e galegos poidamos saber a magnitude deste rebrote”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, criticou “a falta de acción por parte do Goberno galego, quen non está a atender ao rebrote da Mariña”. Segundo Ermida, “a Xunta tira balóns fóra sinalando á hostalería mariñá, cando foi o propio presidente quen publicitou que o conxunto da Galiza en xeral e a Mariña en particular eran territorios seguros para a nova normalidade”. 

“A día 3 de xullo os concellos seguimos sen ter o persoal que anunciara a Xunta de Galiza para colaborar no control do COVID”, afirmou Ana Ermida, que engadiu “a día de hoxe só temos recortes no socorrismo das nosas praias e menos persoal nos distintos centros de saúde da comarca”.