Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Viveiro tratará no Pleno a nova ordenanza de limpeza viaria e residuos

Por 3 Xullo, 2020Sin comentarios

O Concello de Viveiro tratará no Pleno do próximo martes, 7 de xullo, a aprobación provisional da nova Ordenanza Municipal Reguladora da Convivencia, Limpeza e Residuos.

O obxecto desta ordenanza é a regulación, no ámbito das competencias municipais, da limpeza viaria e dos espazos públicos de propiedade municipal, así como a inspección e a realización subsidiaria, no seu caso, da limpeza dos solares e outros espazos de propiedade privada.

Tamén servirá para regular todas aquelas condutas e actividades dirixidas ó depósito e recollida de residuos municipais, respectando o principio de xerarquía, con obxecto de conseguir o mellor resultado ambiental global, mitigando os impactos adversos sobre a saúde humana e o medio ambiente.

“Esta ordenanza configúrase como un instrumento que pretende establecer os medios axeitados para garantir a calidade de vida e a defensa do medio ambiente no entorno municipal, articulando a corresponsabilidade pública e privada na protección do entorno e a calidade medioambiental”, asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

Tras a aprobación inicial polo Pleno, de ser o caso, procederase ao trámite de información pública e audiencia aos interesados por un prazo mínimo de trinta días para a presentación de reclamacións e suxerencias.

Posteriormente, procederíase á resolución de todas as reclamacións e suxerencias presentadas dentro do prazo e aprobación definitiva polo Pleno.  No suposto de non presentarse ningunha reclamación ou suxerencia entenderase definitivamente adoptado o acordo ata entón provisional.

Por outra banda, con respecto á Ordenanza Municipal de Entrada ao Casco, neste momento estase no proceso de resolución das alegacións presentadas.