Skip to main content
ActualidadeLourenzáSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Os socialistas de Lourenzá denuncian a discriminación que sofre o Concello

Por 4 Xullo, 2020Sin comentarios

Lourenza

O PSOE de Lourenzá denuncia a discriminación que sofre o seu Concello por parte da Xunta, que lle denegou 2 subvencións recentemente.

En primeiro lugar anuncian que “como é sabido, o PSdeG-PSOE ven de suspender a campaña electoral na Mariña por mor dos rebrotes da COVID-19. A agrupación socialista de Lourenzá, nun acto de responsabilidade, xa non programara ningún mitin nin tampouco o tradicional reparto do programa electoral polas casas dos veciños”.

Os socialistas laurentinos explican á veciñanza “a importancia destas eleccións. É fundamental para o noso concello que nesta ocasión vaiamos todos a votar o día 12 e así poder mudar o goberno da nosa Comunidade. O noso concello está a sufrir nos últimos anos o abandono total por parte do goberno do Sr. Feijoo. Recentemente fóronnos denegadas dúas subvencións de gran importancia: unha, de máis de 55.000 euros, para unha nova iluminación para o campo de fútbol de Sta. Cruz; e outra, de 40.000 euros, do Fondo de Compensación Ambiental, para a adquisición dunha retroescavadora. Así mesmo, no reparto de fondos para a reparación dos centros educativos da Mariña tamén sufrimos a mesma inxustiza: mentres que colexios coma o de Mondoñedo (a ex alcaldesa é a cabeza de lista provincial do PP) reciben máis de 600.000 euros para a reforma integral, no colexio laurentino vanse investir só 10.000 euros, na reparación da instalación eléctrica. Recentemente nun Pleno do Concello de Lourenzá aprobouse por unanimidade unha moción do PSOE instando á Consellería de Educación á que se levaran a cabo as reformas necesarias e urxentes do noso centro educativo: carpintería exterior, radiadores, cuberta das escaleiras de entrada, etc. Queda claro cal é a política do PP do Sr. Feijoo, favorecer aos concello da súa cor política e discriminar aos que non pensamos igual ca eles”.

O PSOE de Lourenzá engade “para que o noso país cambie é fundamental que non quedes na casa. A abstención é a arma coa que contan para repetir na Xunta de Galicia. Estamos no momento de facer posible que cambie a nosa historia, para mellorar os servizos públicos, como a educación e a sanidade. É o momento de votar polo cambio!”