Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

A Ocioteca de Verán do Concello de Burela suspende o seu inicio

Por 6 Xullo, 2020Sin comentarios

A Ocioteca de Verán do Concello de Burela suspende o seu inicio previsto para o vindeiro 13 de xullo.

A concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, explicou que “o Concello de Burela suspende ata novo aviso a Ocioteca de Verán, debido á situación que estamos a vivir na Mariña co brote de Covid-19. Nun exercicio de responsabilidade preferimos agardar para a súa posta en marcha ata que a situación se controle e a vida dos nosos veciños volva á nova normalidade”.

A edil burelesa insistiu en que “cando a situación o permita poñeremos nova data do inicio para a nosa Ocioteca de Verán. Con elas pretendemos promover actividades que favorezan a diversión creando un ambiente lúdico e actividades que favorezan o traballo en equipo e a creatividade; potenciará actitudes de valoración e respecto cara o entorno físico e natural; e dará a coñecer o entorno que nos rodea”.

A concelleira de Medio Ambiente subliñou que “o obxectivo é facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, ofrecendo aos nenos e nenas unha alternativa de lecer e tempo libre, desenvolvendo valores de cooperación, respecto e tolerancia. Este ano especialmente, e con máis razón que calquera outro ata o de agora, queríamos intentar dar unha solución aos pais e nais que teñen que saír das súas casas a traballar e que teñen un período menor de vacacións por estas circunstancias excepcionais que estamos vivindo. Pero vémonos na obriga de agardar para a súa posta en marcha”.

Toñi Eijo engadiu que “queda aprazada ata novo aviso tamén a xuntanza prevista para o 10 de xullo e na que iamos explicarlles ás nais e aos pais as medidas excepcionais de prevención fronte ao Covid-19, que se tomarán na Ocioteca e que serán de obrigado cumprimento. Manteremos á veciñanza informada das decisións que adoptemos nos vindeiras días. Pero por seguridade, por responsabilidade e por saúde preferimos esperar e suspender o inicio desta oferta do Concello de Burela”.