Skip to main content
ActualidadeCervoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

A Xunta apoia unha intervención temporal de Alcoa

Por 6 Xullo, 2020Sin comentarios

Feijóo explicou que a Xunta apoiaría esta opción en caso de que o Goberno central necesitase máis tempo para concretar unha tarifa enerxética compatible coa viabilidade económica da produción de aluminio primario.

Ademais, demandou ao Goberno que empregue unha parte dos 10.000M€ aprobados no pasado Consello de Ministros para inxectar capital a Alcoa, mentres non se atope un sistema enerxético que garanta o futuro da factoría.

Non obstante, Feijóo volveu facer fincapé en que a política enerxética é competencia exclusiva do Goberno central. “Este non é un problema industrial, este é un problema enerxético”, incidiu.

Nesta liña, a Xunta comparte co comité de empresa a necesidade de establecer un prezo eléctrico competitivo e estable, é dicir, un coste enerxético que se sitúe entre os 30 e os 38 euros. “Esa é a marxe para que o ERE sexa retirado de forma inmediata por parte de Alcoa”, dixo Feijóo, que argumentou que se a compañía non quere retirar o ERE con este prezo enerxético, “entón que deixe paso a outro operador”.

Para concluír, Feijóo salientou que a Xunta xa tomou todas as decisións que lle competen: declarar o sector electrointensivo como esencial e estratéxico para a economía galega, unha decisión que respalda o propio comité de empresa, así como considerar calquera tipo de fonte enerxética para Alcoa como proxecto empresarial prioritario, coa conseguinte redución do 50% dos prazos administrativos.

A maiores, a Xunta puxo a disposición do comité de empresa un plan industrial financiado pola Comunidade para a modernización de Alcoa, así como préstamos participativos no caso de que a factoría os necesitase.