Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Galicia pon a disposición das confrarías e entidades xestoras de lonxas 600.000 euros

Por 7 Xullo, 2020Sin comentarios

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou a confraría de pescadores de Malpica, onde destacou a importancia destas entidades para o desenvolvemento do sector e para a recuperación trala crise sanitaria polo coronavirus. Por iso, explicou que Galicia incluíu no seu plan para a dinamización do complexo mar-industria Avantemar 600.000 euros en apoios para as confrarías de pescadores e outras entidades xestoras de lonxas co obxectivo de compensar as caídas de ingresos que sufriron durante o estado de alarma como consecuencia da menor demanda de produtos do mar polo peche da hostalería e favorecer así o mantemento da súa actividade.

A titular de Mar agradeceu o esforzo que fixeron os buques pesqueiros e as propias lonxas durante a pandemia para cumprir co seu papel como actividade esencial para o subministro de alimento de calidade á cidadanía e incidiu en que houbo lonxas que incluso rexistraron máis descargas que durante o mesmo período de 2019 pero que viron como os seus ingresos descendían pola caída de prezos ante a menor demanda. É o caso da de Malpica, que viu como as descargas durante o estado de alarma se incrementaban máis dun 50% respecto ao mesmo período de 2019 pero os ingresos baixaban máis dun 20%.

Ante esta situación, o plan Avantemar inclúe eses 600.000 euros de orzamento con fondos propios da Xunta para paliar a caída de ingresos pola menor facturación das confrarías e entidades xestoras de lonxas entre o 14 de marzo e o 15 de maio. A convocatoria destas achegas, explicou Rosa Quintana, sairá publicada no Diario Oficial de Galicia nos próximos días e resolverase ao longo de 2020. A contía do apoio fixarase tendo en conta a caída dos ingresos en comparación co mesmo período de 2019 e consistirá no 70% das perdas de ingresos polas tarifas que lle correspondan ás entidades solicitantes pola poxa ou venda -cun máximo a considerar do 7%- no período do estado de alarma.

A representante do Executivo galego salientou que o plan Avantemar aspira a reactivar a cadea mar-industria de Galicia o antes posible e que ninguén quede atrás no camiño da recuperación atendendo especialmente a aqueles profesionais e entidades que, coma neste caso, non se benefician das medidas deseñadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Liñas de apoio do plan ‘Avantemar’

O plan Avantemar suporá unha inxección global de 77 millóns de euros en 2020 e 14 millóns en 2021 no complexo mar-industria a través de cinco liñas de apoio que buscan aportar liquidez e solvencia ás empresas do sector para garantir a súa sustentabilidade e competitividade ante as dificultades actuais derivadas da covid-19.

Entre as medidas de apoio ao sector incluídas no plan está a destinada aos barcos que seguiron faenando durante a pandemia a pesar de que non era rendible, que conta cun orzamento de 7,3 millóns de euros, así como a deseñada para as mariscadoras que non poden acceder á prestación extraordinaria por cese de actividade habilitada polo Goberno do Estado. Estas dúas medidas están financiadas integramente con fondos propios da comunidade autónoma.

A elas súmanse oito millóns de euros en apoios ao sector transformador, que se adían a 2021 co obxectivo de paliar as caídas na facturación que rexistren durante este ano, seis millóns para as empresas de acuicultura tamén o próximo ano para cubrir as minoracións de ingresos no presente exercicio, e 400.000 euros para as redeiras que viron caer a súa actividade e o número de pedidos como consecuencia da menor actividade da frota.

A conselleira do Mar incidiu na importancia de seguir promocionando e incentivando o consumo dos produtos do mar para impulsar os prezos e agradecer o papel esencial do sector para abastecer á sociedade e animou a todos os profesionais do mar a seguir traballando xuntos para superar as dificultades o antes posible e que a cadea mar-industria recupere o vigor e a fortaleza previa á alerta sanitaria.