O brote da Mariña rexistra un freazo con tres casos novos máis en 24 horas

A Consellería de Sanidade informa que, segundo as probas realizadas ata esta mañá, confírmanse outros 3 casos positivos de persoas afectadas por covid-19 no brote de A Mariña, o que elevaría a 131 o número total de casos detectados pola Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas. Sen embargo, dez persoas xa están curadas e foron dadas de alta, o que implica que o número de casos activos de covid-19 nestes momentos na comarca de A Mariña é de 121.

O primeiro caso de infección por covid-19 detectouse o martes 23 de xuño. A partir desta confirmación inicial, fíxose un rastrexo e analizáronse todos os contactos das persoas que se foron vendo afectadas. Ata o momento, mediante as probas realizadas confírmase a existencia de 131 positivos en covid-19 relacionados con este brote, con dez curados neste momento e 121 casos activos. Todos estes positivos están relacionados co brote, o que permite garantir a trazabilidade dos casos e seguir na mesma estratexia de busca activa de contactos e realización de todas as probas necesarias de forma precoz para cortar canto antes a transmisión.

Dos 121 casos activos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Catro persoas con resultado positivo e relacionadas co brote están ingresadas no Hospital Público da Mariña e a súa evolución é favorable. Outras dúas persoas, tamén con resultado positivo, están ingresadas no Hospital Público da Mariña, e nestes momentos está en fase de estudio e investigación a súa vinculación co brote. Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio.

Mentres tanto, na provincia o número de casos é de 151, oito máis que onte. Estes datos non contemplan varias das altas rexistradas durante a xornada de hoxe. Ademais, segue estable o número de falecidos, en 28, e hai 932 altas e un total de 1.111 casos no acumulado histórico. A zona sur da provincia segue sen afectados.

En Galicia, a Consellería de Sanidade informou que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 256, deles 24 son da área da Coruña, 151 da de Lugo, 3 da de Ourense, 3 da de Pontevedra, 60 da área de Vigo, 13 da de Santiago, e 2 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 7 están en unidades de hospitalización e 249 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.817 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: