Skip to main content
ActualidadeCervoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O rexedor cervense insite en que “o importante é a saúde dos veciños”

Por 7 Xullo, 2020Sin comentarios

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, recalca que “o que nos ten que preocupar e ocupar é a saúde do nosa xente”; non ten sentido nestes momentos falar de competencias nin de responsabilidades; porque ademais os concellos “temos as que xa tiñamos ata este momento”.

O rexedor cervense fixo estas declaracións ante a nova situación que vive a comarca da Mariña logo do brote detectado e que obrigou a establecer medidas preventivas para os próximos días.

Villares considera que nestes intres, e tal e como fixemos todas as administracións locais desde que o Goberno decretou o Estado de Alarma cos seus erros e acertos, o que ten que prevalecer é a colaboración institucional tal e como levamos facendo desde o inicio da pandemia “o obxectivo de todos é o mesmo: frear a expansión do virus e protexer a saúde da nosa xente”; apunta.

Os rexedores mariñáns mantiveron este mediodía unha videoconferencia co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, “na que nos mantivo informados da evolución do virus na comarca e de todas as medidas que se tomaron”. O conselleiro comunicoulles aos alcaldes e alcaldesas que nestes últimos días Sanidade fixo máis de 2500 PCR nesta zona, “o reforzo destas probas, tal e como se está a facer, é a única forma para poder facer un seguimento fidedigno da expansión do virus e poder controlalo”; subliña Villares.

O alcalde apela á “colaboración institucional” e á “responsabilidade individual” para poder reverter a situación, e tamén fai un chamamento á calma “é un momento no que todos os mariñáns temos que seguir rigorosamente as normas establecidas polos organismos competentes; un momento no temos que estar en alerta pero non en alarma porque vamos ter que convivir con este virus ata que apareza a vacina”, subliña.

Por outra banda, Villares valora positivamente que se fixase un período de 5 días revisable en función da evolución do brote á hora de aplicar as medidas preventivas na comarca “porque hai moitos sectores afectados que precisan normalizar a súa actividade en canto as condicións sanitarias o posibiliten”. 

Villares quixo mandar tamén unha mensaxe de ánimo e forza para todas esas persoas que deron positivo en COVID-19; así como a todos os veciños que permanecen en corentena preventiva. Unha mensaxe de ánimo que fago extensible a toda a veciñanza de Cervo “temos que ser sumamente coidadosos e seguir as directrices marcadas polas autoridades sanitarias, polo ben de todos”.

O Concello de Cervo, a través do Servizo de Emerxencias Municipal, está a facer unha labor intensiva na rúa para informar, asesorar e concienciar á veciñanza sobre a obrigatoriedade de cumprir coas novas normas ante o brote de COVID-19 na Mariña.