Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXATrabadaZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Comezan mañá as desinfeccións nas residencias de Ribadeo e Trabada

Por 8 Xullo, 2020Sin comentarios

A Deputación de Lugo informou de que mañá xoves comezarán os traballos de desinfección dos centros de maiores de titularidade provincial, situados nos concellos de Ribadeo, Trababa, A Fonsagrada e Pol, como medida de reforzo da prevención e da protección dos usuarios ante a evolución do rebrote de coronavirus na comarca da Mariña.

Estas tarefas, que avanzou o Presidente o pasado domingo, correrán a cargo do persoal do parque de bombeiros de Barreiros, do Consorcio Provincial para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento. Arrancarán mañá pola tarde na residencia de Ribadeo. O venres desenvolveranse pola mañá na Fonsagrada e pola tarde en Trabada, e o domingo pola mañá en Pol.

A Deputación decidiu proceder á desinfección integral dos catros centros de maiores con fin de minimizar o risco de contaxio e como medida de prevención ante o brote xurdido na comarca da Mariña. Estes traballos son imprescindibles e máis en lugares tan sensibles como son as residencias, onte se atenden ás persoas máis vulnerables ante a enfermidade da Covid-19.

José Tomé subliñou que a Deputación, como fixo dende antes incluso da declaración do Estado de Alarma, continúa aplicando as máximas medidas de prevención, en moitos casos por riba do que estableceron as autoridades sanitarias da Xunta. Deste xeito, mantén pechadas dende o 25 de xuño a saídas e visitas os centros de maiores de Ribadeo e Trabada, e desde este pasado domingo, tamén as da Fonsagrada e Pol,  para evitar en todo o posible a propagación do virus nas residencias.

Así mesmo, a Deputación mantén estritas medidas hixiénico sanitarias no conxunto de edificios da súa titularidade, cun reforzo do servizo de limpeza.