Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Os alcaldes populares da Mariña defenden a celebración dos comicios

Por 9 Xullo, 2020Sin comentarios

Os alcaldes de Cervo, O Vicedo, Mondoñedo e Xove trasladaron a súa opinión sobre o escrito dos alcaldes socialistas da Mariña lucense e no que confirman a súa vontade de máxima dispoñibilidade e colaboración coas autoridades sanitarias en apoio das medidas vixentes aprobadas pola Consellería de Sanidade e dirixidas a protexer a saúde dos.

Lamentan que un grupo de alcaldes “estean aproveitando esta situación para xerar un alarmismo inxustificado, con fins claramente electorais, e co obxecto de condicionar dun xeito partidista as eleccións do próximo domingo”.

Este comportamento é “especialmente grave se temos en conta a actitude leal que todos os alcaldes mantivemos desde que comezou a pandemia e iso que ao longo dos meses nos que se prolongou o estado de alarma e mando único houbo motivos máis que de sobra polos que alzar a voz, pero sempre primou unha actitude responsable”, engaden.

Segundo eles, “esta actitude alarmista pode tamén provocar un dano económico irreparable á comarca e a moitas empresas, comercios e negocios que estaban en pleno proceso de recuperación, todo iso sen prexuízo de adoptar todas as recomendacións que realizan ou poidan realizar no futuro as autoridades sanitarias”.

Engaden tamén que “non é certo que se descargue máis responsabilidade nos concellos nin competencias das que na actualidade temos, no ámbito do control sanitario. E non resulta responsable intentar desentenderse de apoiar cando se trata de garantir a seguridade e saúde de todos”.

Por último reiteran que en sucesivos pronunciamentos da xunta electoral como incluso dos tribunais ordinarios, “a xustiza vén de confirmar que, cos protocolos sanitarios vixentes, se dan todas as garantías de seguridade cara o vindeiro 12 de xullo coa premisa fundamental de que se poida exercer o dereito ao voto con plenas garantías sanitarias, tanto para os cidadáns que se acheguen a votar como para o persoal integrante das mesas electorais”.