Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

O sector turístico recibirá información sobre a normativa laboral e as axudas

Por 10 Xullo, 2020Sin comentarios

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo, Manuel Vila, e a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, mantiveron unha xuntanza telemática co sector turístico da Mariña na que se lles informou e asesorou sobre a normativa laboral vixente e as axudas autonómicas para a recuperación económica. 

En materia laboral, Toca explicou o contido do Real Decreto Lei 24/2020, de 26 de xuño, para prorrogar os ERTE e as medidas que se poden adoptar en caso de rebrotes pola covid-19 como é a solicitude de ERTEs de forza maior. Tamén explicoulles as medidas para o teletraballo e a conciliación. 

En canto ás axudas postas en marcha na área de Emprego, dentro do Plan de recuperación económica, informou, entre outros, do Cheque do Autónomo, uns apoios que se poden solicitar e que cobren os gastos do día a día, como son a loxística e o transporte de envíos (ata 3 euros por envío); o pagamento por estar nunha plataforma de e-commerce local; o pago por licenza de uso de software de venda online; promoción en redes sociais; gastos correntes de seguridade motivados pola covid-19, entre os que se encontran os gastos en máscaras, guantes, desinfectante, limpeza, mamparas e asesoramento en prevención de riscos laborais; e os gastos de subministracións e telecomunicacións. 

A medida ofrece financiamento do 100%, ata un límite de 1800 euros, e inclúe anticipos do 100% cubrindo os gastos realizados desde a declaración do estado de alarma ata o 31 de decembro deste ano. Con esta iniciativa preténdese favorecer a consolidación dun emprego autónomo estable e de calidade.

Pola súa banda, o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo avanzou que a comarca da Mariña contará co apoio necesario da Xunta para impulsar accións específicas de promoción dirixidas á reactivación da demanda, estimulando tanto o turismo interno como os mercados de proximidade. Á espera de concretar a repercusión que esta situación teña na tempada estival, activaranse mecanismos que permitan superala e incidir nas características que fan da Mariña un destino sustentable e singular. 

Darase así continuidade ao traballo en marcha co sector turístico lucense no marco do programa Galicia destino seguro, no que o Goberno autonómico xa asinou un convenio de colaboración coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL), que inclúe accións de formación online en materia hixiénico-sanitaria. Ademais, lembrou que o sector dispón dun servizo de asesoramento para empresas e profesionais. 

Na área de Comercio, Vázquez puxo en valor as novas liñas de axudas Reactiva Comercio e Servizos Seguros, que vén de poñer en marcha a Xunta para facilitar á volta á actividade en condicións de confianza para os consumidores, apoiando así a transformación dos locais. 

Estas dúas iniciativas, coas que colaboran as consellerías de Economía, Emprego e Industria; Cultura e Turismo (no marco do plan Galicia destino seguro); e Infraestruturas e Mobilidade, teñen como obxectivo cubrir os gastos realizados para a adquisición de equipos de protección individual e de desinfección; a adaptación dos espazos con equipamento de seguridade e redución do contacto entre persoas; a realización das obras de renovación, limpeza e ventilación do aire; e a posta á disposición dos clientes de información relativa ás medidas hixiénicas e de protección. 

A través destes apoios, os establecementos comerciais, empresas do sector turístico e salóns de peiteado de menos de 10 traballadores poden obter apoios polo 100% das medidas activadas, desde 300 a 1200 euros. Por outro lado, as pemes de menos de 50 traballadores tanto destes sectores como do transporte, os servizos e as actividades profesionais poden beneficiarse de apoios directos do 80% do custo nas medidas de seguridade precisas, desde un mínimo de investimento de 1500 euros ata un máximo de 3750, sendo polo tanto a axuda máxima de 3000 euros. 

Apoio á dixitalización

Así mesmo, destacou a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), das axudas á dixitalización de pemes, que se poden solicitar a partir de mañá. Cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), a Xunta destina 5,4 millóns de euros co obxectivo de facilitar a modernización e mellora da competitividade das empresas a través da interconexión dixital entre compañías vinculadas pola súa actividade e a dixitalización de procesos produtivos, ao tempo que se impulsa a xeración de iniciativas de colaboración.

Os representantes da Xunta informaron, ademais, do Galicia Exporta Dixital para impulsar a chegada a novos mercados e potenciar as vendas online -xa que por primeira vez poden acceder os comercios-.