Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Quintana asegura que as confrarías galegas disporán de axudas para as lonxas

Por 10 Xullo, 2020Sin comentarios

A conselleira do Mar, Rosa Quintana,  visitou a lonxa de Carril, onde puxo de relevo a importancia do mantemento e a innovación deste tipo de instalacións para facilitar o traballo diario dos profesionais do mar. De feito, as confrarías de pescadores galegas disporán de 900.000 euros para aumentar a eficiencia enerxética das lonxas, portos e lugares de desembarque de produtos do mar. Estes apoios enmárcanse na convocatoria de achegas de 2020 para a modernización das instalacións portuarias, das lonxas e dos lugares de desembarque no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

O investimento de 900.000 euros correspóndese con 14 proxectos seleccionados dentro desta convocatoria de axudas, entre os que se atopan accións como a instalación de paneis solares fotovoltaicos de xeración de electricidade e a mellora da iluminación interior das lonxas con tecnoloxía led, entre outras. Con estes proxectos de eficiencia enerxética búscase acadar unha redución de case o 40% no consumo inicial de enerxía dos equipos sobre os que se actúa, no seu custo de funcionamento e nas emisións de CO2 á atmosfera, contribuíndo así ao coidado do medio ambiente.

Ademais deste tipo de proxectos, con esta convocatoria tamén se apoian por importe de 700.000 euros outros para mellorar a calidade dos produtos desembarcados, nos que se inclúen elementos como máquinas fregadoras do chan e produtores de xeo, entre outros.

Outro eido obxecto destas achegas é o da mellora das condicións de traballo dos profesionais, no que o investimento de apoio ás iniciativas seleccionadas é de algo máis de 400.000 euros. Neste ámbito foi seleccionado un proxecto da confraría de Carril para a adquisición dun carro varadoiro de embarcacións.

Todo isto tradúcese nun total de 35 proxectos seleccionados pola a Consellería do Mar na convocatoria de achegas deste ano destinadas a estes fins cun orzamento de apoio de máis de dous millóns de euros, tal e como reflicte un informe que foi analizado onte polo Consello da Xunta.

Este tipo de equipamentos facilitan e melloran as condicións de traballo do sector e contribúen a aumentar a súa competitividade. Ao mesmo tempo favorecen o desenvolvemento e a sustentabilidade da pesca costeira artesanal que realiza a súa actividade nas lonxas e portos de Galicia. Por tanto, son equipamentos fundamentais para lonxas como a de Carril e para os seus profesionais.