Skip to main content
ActualidadeO VicedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Nordés Faladoiro organiza unha actividade presencial o sábado

Por 14 Xullo, 2020Sin comentarios

O sábado 18 de xullo volve Nordés Faladoiro cunha actividade presencial con prazas limitadas, Petiscos do Camiño dos arrieiros: lendas, patrimonio e biodiversidade.

Unha actividade para recoñecer polo miúdo a vida actual e pasada do trazado e os seus arredores. Un conxunto de miradas que nos falarán do entorno natural, das manifestacións materiais das persoas que viviron/viven no territorio e daquelas que forman parte do imaxinario popular.

A xornada do sábado 18 será de mañá, de 09.20 horas a 14.00 horas, e percorrerá diferentes puntos de interese dunha parte do trazado do Camiño dos Arrieiros entre As Pontes e As Grañas do Sor, dende a praza da Igrexa de Santa María das Pontes, que será o noso punto de quedada cara as 9.15 horas, pasando polo mirador do lugar de Garabatos, as fervenzas de Somede, o lugar do Freixo, o Forno dos Mouros, e rematará ás 14 horas no Cristo de Mouraz.

Compartindo a súa mirada sobre o territorio estarán Xosé María López Fernández, Técnico en Xestión Cultural de Cultureume SC.; Antonio Martínez Pernas, Técnico Superior en Xestion e Organización dos Recursos Naturais; e Pepe Riola, investigador etnográfico das serras da Capelada e a Faladora.

A xornada é balde para persoas asociadas a Nordés e terá un prezo de 2 euros para aquelas que non. A cantidade recadada nesta actividade máis 50 euros da asociación, serán doados, neste caso, ao Bando de Alimentos Rías Altas, da provincia da Coruña. Este acto encádrase nunha decisión da asociación, consciente da complicada situación social na que nos atopamos, que se prolongará nas seguintes actividades.

A asistencia está limitada a 25 persoas que terán que empregar os seus vehículos particulares para desprazarse.

Durante a actividade deberán seguirse as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención da COVID-19: empregar mascarilla, manter as distancias de seguridade interpersoal, etc.

Para anotarse é necesario mandar un correo ou chamar a asociación.nordes@gmail.com ou no 653 756 454.