Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Izáronse tres bandeiras azuis en praias burelesas

Por 15 Xullo, 2020Sin comentarios

Onte procedeuse ao izado das bandeiras azuis nas praias de Ril, A Marosa e O Portelo. Ademais Ril adheriuse á rede galega de Praias sen Fume. Trátase da primeira vez que un areal do concello forma parte desta iniciativa. Ao acto desta mañá asistiron o alcalde, Alfredo Llano, xunto aos concelleiros de Medio Ambiente, Turismo, Servizos Socias e Inmigración, Toñi Eijo, Ramiro Fernández Rey, Carmela López e Noelia María Ben.

A concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, explicou que “esta mañá procedemos ao izado das bandeiras azuis nas praias de Ril, A Marosa e O Portelo, que son nas que conseguimos a bandeira azul. Este galardón é un premio, un selo de calidade, que se outorga ás praias que reúnen certos criterios de excelencia, seguridade e calidade. Xa levamos moitos anos recibindo estes distintivos, o que indica que cumprimos cos criterios que bandeira azul considera oportunos sobre todo no que respecta á calidade da auga e á seguridade dos bañistas”.

A edil burelesa subliñou que “ademais tamén aproveitamos a ocasión para izar a bandeira de Praia sen Fume en Ril. Esta é a primeira vez que algunha praia de Burela se adhire á rede galega de Praias sen Fume. Esta adhesión non ten un fin recadatorio senón educativo, de promoción da saúde e de protección do medio ambiente sendo o seu cumprimento voluntario”.

Toñi Eijo dixo que “os obxectivos de Praias sen Fume son promocionar unha vida sen tabaco, desnormalizar o consumo do tabaco na sociedade, reforzar o papel modélico positivo dos país e nais, formar unha rede galega de praias libres de tabaco e promover praias que respecten e coiden o medio ambiente. Aquelas persoas que prefiran estar nun areal no que non haxa fume de tabaco, a praia ideal para iso en Burela sería a de Ril”.

A concelleira de Medio Ambiente engadiu que “este ano o Concello de Burela fixo un esforzo por informar a todos os usuarios das praias de como hai que usalas debido á situación que estamos vivindo co Covid-19. Puxemos carteis nas praias e pegatinas nas explicando cales son as medidas. Ímolos cambiando segundo van variando as normas que son aplicables en cada momento. Apelamos ao sentido común dos nosos veciños e das nosas veciñas para cumprir as normas con obxectivo de garantir a súa seguridade e a súa saúde”.

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, pola súa banda manifestou que “queremos dar unha esperanza e un motivo de alegría, e que se desfrute do que temos, aínda que non nos podamos mover para outros concellos, pero si temos no noso moito que compartir e moito co que desfrutar. Hoxe izamos as bandeiras azuis nas praias de A Marosa, de Ril e de O Portelo e estas bandeiras dan unha confianza de que temos un bo servizo e unhas augas excelentes. Animamos pois á xente a que vaia e desfrute dos areais, desde logo de acordo cos protocolos de prevención do Covid. Penso que estamos no momento e hai que facelo, que nos vai ir a todos moito mellor, que nos dea optimismo para afrontar o futuro, e creo que entre todos, compartindo ese futuro, vai ser moito máis doado”.