Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

#DegustaAMariña é a campaña de promoción para a hostalería

Por 18 Xullo, 2020Sin comentarios

A FCAM e a Mancomunidade de Concellos da Mariña organizan unha campaña de promoción da comarca que inclúe, entre outras iniciativas, xornadas gastronómicas todas as fins de semana do 24 de xullo ao 30 de agosto na hostalería local. José Carlos Paleo, o presidente da FCAM, explicou que “deste xeito pretendemos render homenaxe a todas as festas gastronómicas que este verán se tiveron que cancelar pola pandemia do Covid-19. Queremos fomentar o consumo dos produtos de tempada desta zona que todos os bares, mesóns e restaurantes teñen nas súas cartas, xa sexa como tapas, como racións ou como pratos dos seus establecementos”.

O presidente da Federación de Comercio A Mariña subliñou que “coa campaña #DegustaAMariña queremos animar á xente da comarca e aos turistas que nos visitan durante este verán atípico a saborear e a disfrutar da pescada do pincho, do bonito, do marisco, dos produtos da horta mariñá, da tenreira galega, do peixe do día. Esta é unha campaña pensada para que a xente teña unha proposta, unha suxestión, unha escusa para saír da casa durante as fins de semana. Para os hostaleiros non suporá ningún custe, porque todos teñen estes produtos nas súas cartas”.

Paleo lembrou que “tras o estado de alarma, primeiro, e o rebrote de coronavirus na Mariña despois, detectamos que moita xente é reacia a saír da casa. Cidadanía e visitantes deben recuperar a confianza na nosa hostalería, que está perfectamente preparada para ofrecerlles un servizo con seguridade e cumprindo con todas as normativas establecidas. Temos que acostumarnos a convivir con esta pandemia, volvendo pouco a pouco á nova normalidade, apostando pola hostalería e polo comercio local, pero sen baixar a garda e respectando o distanciamento social, a hixiene das mans e o emprego da mascarilla. Con responsabilidade os temores desaparecen”.

Para contribuír á promoción da gastronomía mariñá foi creado o hastag #DegustaAMariña en Instagram para que os hostaleiros participantes colguen as súas propostas gastronómicas, os seus viños, os seus doces, etc, e para que seus clientes suban tamén as súas fotos saboreando os exquisitos pratos que atoparán nesta comarca.

O presidente da FCAM engadiu que “deste xeito queremos potenciar ao máximo o consumo dos produtos de tempada que se poden saborear na hostalería local, difundindo as diferentes elaboracións e contornas para atraer á clientela tanto de A Mariña como aos turistas que están pola zona”.

Pola súa banda, o presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Fran Cajoto, dixo que “estamos nun momento difícil na Mariña, nun momento no que estamos saíndo pouco a pouco desa limitación nos desprazamentos, queda Burela pero o resto dos concellos afortunadamente agora podemos recibir visitantes e acudir nós a calquera outro punto do país”.

Para Cajoto “o que hai que facer é poñer en valor realmente o que temos, non enganar a ninguén, pero simplemente demostrar que somos punteiros en moitas cousas e desde logo un dos nosos piares fundamentais é a gastronomía. En colaboración coa FCAM, á que teño que agradecerlle sempre a boa disposición a Paleo e a todos os seus membros, decidimos dispoñer unhas xornadas gastronómicas cos restaurantes da Mariña, dos distintos concellos. Quero invitar a que todos consuman produto local, a que todos consuman na nosa hostalería e que realmente desfruten, como desfrutamos todos, dos bos cociñeiros e da boa mesa que temos. Estou seguro que todos o imos valorar e esperamos que acuda o maior número de xente posible, desde logo cos grandes profesionais que temos, con sentidiño e coas medidas de protección que dispoñemos sempre de forma adecuada, vaise desfrutar dunha forma tranquila e correcta”.

Tanto José Carlos Paleo como Fran Cajoto insistiron en que “A Mariña é un enclave idóneo para as vacacións deste verán por tranquilidade, por temperatura, por gastronomía e pola oferta paisaxística e monumental. Hai que vir perderse á Mariña”.

Paleo tivo palabras de agradecemento para a Mancomunidade: “porque nos puxemos a traballar conxuntamente e hoxe estamos aquí presentando esta campaña, que será o arranque deste verán. Quedan semanas por diante e agardamos que a xente elixa a Mariña para o seu descanso vacacional”. E agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación de Lugo, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da Consellería do Mar en Celeiro, “porque xuntos seremos máis fortes”.