Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Daniel Vega o voceiro popular de Ribadeo: “A xestión municipal estivo ausente durante a pandemia”

Por 21 Xullo, 2020Sin comentarios

Daniel Vega Pérez, un técnico agrícola que comezou o seu labor pola súa firme crenza no servizo público, dirixe dende fai algo máis dun ano o Grupo Municipal Popular ribadense.

Como foi que se decidiu meter en política?

Creo no servizo público e comecei co convencemento de que hai que traballar polos cidadáns. É certo que empecei por proximidade aos principios que defende o PPdeG, pero á hora de gobernar non se trata de seguir unha ideoloxía, o que importa é a xestión. Hai que deixarse de utopías e poñer enriba da mesa propostas concretas que xorden de estar pegado á realidade dos cidadáns.

Que valoración fai deste tempo ao fronte da oposición?

O traballo dende a oposición enténdoo de dúas formas: como un labor de control e fiscalización ao goberno; pero tamén como un traballo de colaboración de cara a beneficiar aos veciños e veciñas. Pódese facer oposición en positivo e, durante este tempo, dende o Grupo Municipal Popular logramos conseguir o apoio doutras administracións para os colectivos asociativos, o mundo do deporte, a mellora das infraestruturas de comunicación coma a estrada Reme-Vilamar, a mellora da estación de autobuses ou a do colexio público; ademais do dragado da ría de Ribadeo.

Cales son os principais eixes do partido nesta vila?

Os nosos eixes de acción céntranse na dinamización económica do municipio e nos servizos aos veciños e veciñas de cara ao asentamento da poboación en Ribadeo. Para iso é fundamental lograr unha rebaixa do prezo do solo industrial para que se asente industria en Ribadeo. Tamén o sector terciario é moi importante e, polo tanto, débese apoiar o comercio e contribuír á súa modernización e dixitalización e achegar propostas concretas para favorecelo como é a dotación de máis prazas de aparcamento. Igualmente, defendemos a potenciación tanto do porto comercial coma do porto deportivo. Xa era hora de que alguén se preocupara polo dragado da ría mentres o goberno local lle da as costas ás empresas do porto.  Non podemos esquecernos do rural. É fundamental dotar de servizos de calidade ás parroquias e aplicar medidas tamén dende o goberno municipal para favorecer a actividade gandeira.

Tamén defendemos uns servizos de calidade para os ribadenses e unhas infraestruturas acordes ao século no que vivimos: estradas en perfectas condicións de seguridade, acceso a internet nos locais sociais do rural, alumeado público eficiente para a vila e as parroquias e un plan de municipal de residuos e limpeza viaria.

Cales son as necesidades máis destacadas de Ribadeo?

Reivindicamos unha estratexia económica e fiscal dende o principio pero, trala covid-19, todas estas medidas se fan máis necesaria. Precisamente defendimos en pleno a adopción de medidas de rebaixa fiscal xunto a un plan de reactivación que foi apoiado polo PSOE, pero que rexeitou o goberno do BNG.

Tamén é moi importante seguir investindo no porto ribadense e implantar unha planificación seria para o arranxo das infraestruturas municipais e para a recollida do lixo e a limpeza viaria tanto nas parroquias do rural coma no casco urbano. Igualmente, Ribadeo require unhas políticas serias no ámbito do deporte a nivel e de actividades.

Que propostas ten o partido enriba da mesa?

Unha das nosas propostas máis recente é o plan de reactivación económica para Ribadeo ou o plan municipal de residuos e limpeza viaria que comentaba anteriormente. Pero tamén a reivindicación dun novo aparcamento municipal para favorecer ao comercio e a hostalería local e a de abonar ás asociación as achegas concedidas nun período curto de tempo para permitirlles desenvolver os seus proxectos e actividades. Temos colaborado co goberno para sacar adiante o plan para a praia das Catedrais e tamén traballamos en colaboración con Acisa.

Cumpríronse algunhas das presentadas?

O Grupo Municipal do PP foi o único grupo da corporación ribadense que presentou unha moción para defender un plan de reactivación económica para o noso concello. E para iso presentamos medidas concretas explicando que o millón de euros para axudar a inxectar liquidez no tecido económico ribadense se pode obter das achegas do Fondo de Cooperación Local da Xunta, de parte do Plan Único da Deputación e mesmo do orzamento que o Concello dirixe ás festas que este ano non se celebran. A pesar de contar co voto a favor do PSOE, non saíu adiante debido aos votos en contra do equipo de goberno do BNG.

Si que houbo acordos na corporación municipal; pero chama a atención a forma de actuar do goberno local que vota a favor de iniciativas para as que reivindicamos o apoio doutras administracións. En cambio, oponse a calquera medida que supoña investir en Ribadeo co orzamento municipal. Por exemplo, logramos acordos para reclamar ao Goberno un acceso directo a Ribadeo coa variante dende a A-8 ou trasladar á Deputación Provincial a petición de arranxo da LU-P-5207, a estrada a Vilela. Iso si, o equipo de goberno rexeitou a nosa proposta de mellorar a estrada dos Garitos que é de competencia municipal.

Como cre que foi a xestión municipal neste tempo de pandemia?

Ausente. O goberno local incluso rexeitou a nosa proposta de constituír unha mesa de traballo coa participación de representantes públicos e privados para avaliar as consecuencias socio-económicas da covid-19 e propoñer medidas para a reactivación económica coa implicación dos representantes do comercio e a hostalería. Tampouco dotaron de material de protección aos establecementos comerciais nin dotaron orzamento para esta situación excepcional. O que fixeron foi poñer o logo do Concello ás axudas da Xunta para contribuír á conciliación da vida laboral e  familiar das familias como se foran municipais. Non actuaron no momento máis crítico. Os traballadores e funcionarios estiveron traballando durante o estado de alarma, pero o goberno local non ía á Casa do Concello e o que é peor, non atendía ao teléfono.

Considera a vila está preparada este verán para acoller o turismo?

Ribadeo ten un sector turístico profesionalizado. Dispoñen de material informativo e de prevención que xestionamos nós, pero precisan de apoio por parte da administración local -e máis aínda agora. Na actualidade, o goberno local non está a traballar a favor de Ribadeo neste sentido. As accións limítase a facer vídeos e compartir fotos, pero o equipo de goberno carece dun plan de proxección para os vindeiros anos.

E da súa programación cultural?

A programación cultural en Ribadeo brilla pola súa ausencia. Na actualidade, temos que ser responsables e cumprir a normativa sanitaria en materia sanitaria; pero esta non pode ser unha escusa para permanecer na parálise.

Que información chega ao partido sobre a situación das parroquias?

O Grupo Municipal Popular escoita aos veciños e traslada as súas demandas ao goberno local a través de distintas iniciativas que presentamos ao Pleno. Entre as nosas reivindicacións atópanse o arranxo de infraestruturas, a limpeza de vías e espazos verdes ou a demanda de reposición do servizo de internet nos locais sociais das parroquias do rural.

Mentres nós facemos de interlocutores entre os veciños e o goberno municipal, eles non nos informan de nada. Creo que hai que apartar a ideoloxía da forma de actuar no día a día no que debe primar a responsabilidade, o respecto e o amor por Ribadeo.