Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O PP esixe a María Loureiro que repare o deteriorado paseo marítimo de Viveiro

Por 24 Xullo, 2020Sin comentarios

Viveiro é unha cidade que ten no turismo unha das súas grandes fontes de ingresos. Este ano, como consecuencia da crise sanitaria, aproveitar o verán na medida do posible, e dentro das especiais circunstancias que vivimos, resulta especialmente necesario. Para elo é preciso poñer en xogo todos os recursos dispoñibles para rendibilizar as potencialidades da cidade. E a alcaldesa socialista e o seu equipo foron incapaces de adoptar as medidas necesarias para mellorar a imaxe de Viveiro, de tal maneira que o seu paseo marítimo sigue, e xa pasa de dous anos, nunhas condicións penosas. O portavoz municipal do PP, Óscar Rodríguez, di que só como froito dunha falta de xestión alarmante se pode entender que o paseo siga cheo de vallas porque o Concello foi incapaz de acometer as obras de consolidación necesarias.

Os populares teñen claro que o paseo marítimo de Viveiro é de competencia municipal. Polo tanto, é ao Concello ao que corresponde tomar as medidas oportunas para corrixir o afundimento que sofre ese paseo. Rodríguez sinala: “Viveiro non pode ter este paseo nestas condicións lamentables, que tristemente xa forman parte da imaxe da cidade, porque o problema existe dende hai anos e non se lle dá solución”.

No PP recordan que no seu momento presentaron unha pregunta no Concello e, na súa resposta, a alcaldesa confirmou que as primeiras vallas instaladas eran alugadas, pero recoñeceu que as utilizadas posteriormente as mercara o Concello. “Isto quere dicir que o goberno municipal non tiña e, polo que se ve, non ten intención ningunha de acometer o amaño do paseo marítimo”. En todo caso, e a vista da inacción municipal neste caso, o PP presentará outra pregunta na próxima sesión plenaria para que o goberno municipal, presidido por María Loureiro, aclare que pensa facer para resolver o problema e concrete cando e de que maneira.

Óscar Rodríguez deixa claro que “no PP non imos parar ata conseguir que o goberno municipal tome as medidas necesarias para que a fachada marítima de Viveiro recupere o seu aspecto e quede libre de vallas”. O portavoz popular aclara que “se o Concello non se sinte capaz de resolver o problema por si só, deberá buscar o apoio doutros organismos, pero o que non pode ser é que siga sen facer nada”.