Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Traballadores de Alcoa encadeáronse ao balcón da Subdelegación do Goberno

Por 24 Xullo, 2020Sin comentarios

Unha ducia de traballadores de Alcoa San Cibrao encadeáronse esta mañá ao balcón do edificio da Subdelegación do Goberno en Lugo en protesta e defensa dos milleiros de postos de traballo dependentes do aluminio primario.

Así, irrumpiron no balcón do edificio portando chalecos, unha pancarta, cadeas e os seus significativos cascos, e puideron colocar a pancarta co lema Peches non, enerxía solución.

Xa a media mañá, axentes da Policía Nacional cortaron as cadeas que os unían ao balcón mentres os traballadores coreaban: A solución, unha intervención e Enerxía solución.

Subdelegación do Goberno

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, reiterou hoxe o apoio do Goberno aos traballadores de Alcoa e o seu compromiso na busca dunha solución que permita o mantemento dos empregos ameazados pola multinacional.

A subdelegada lembrou que o Goberno sempre estivo do lado dos traballadores e recibiu a unha representación do comité de empresa que realizaron unha acción de protesta esta mañá na Subdelegación aos que trasladou o absoluto compromiso do Goberno na busca dunha solución que permita o mantemento dos postos de traballo na fábrica de San Cibrao.

Froito dese firme compromiso do Goberno, Isabel Rodríguez lembrou que se están a dar avances na busca dun proxecto de inversión solvente para Alcoa, como saben os sindicatos e como anunciou esta semana no Congreso a ministra de Industria, e logrouse a prórroga do ERE anunciado pola empresa.

A subdelegada recordou que o Goberno ten sempre as portas abertas aos traballadores de Alcoa e nunca tivo problema en reunirse cos seus representantes para buscar conxuntamente unha solución que evite o peche da planta anunciada pola multinacional.

Atendendo a petición do comité, a Mesa multisectorial de Alcoa reunirase por videoconferencia a semana que vén.