Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

‘Estamos listos’ é o eslogan da nova campaña de promoción de Ribadeo

Por 26 Xullo, 2020Sin comentarios

A Área de Turismo e Desenvolvemento Local do Concello de Ribadeo ven de lanzar unha nova campaña publicitaria baixo o lema Estamos Listos, que se apoiará en varios soportes promocionais. O obxectivo pasa pola promoción de Ribadeo como destino turístico este verán.

O edil Pablo Vizoso dixo que “neste caso, o primeiro paso é a proxección e distribución dun vídeo, co que se quere deixar claro que este concello mariñán está de novo listo para recibir visitantes, aínda que realmente nunca deixou de estalo”.

O concelleiro de Turismo e Desenvolvemento Local explicou que “neste primeiro vídeo utilízanse de maneira simbólica e como escenario as impresionantes formacións rochosas da praia de As Catedrais. Neste senso, cabe recordar que o nome orixinal deste coñecido e internacional areal é o de Augasantas, en referencia ás propiedades rexenerativas das súas augas, ás que acudían, case como un ritual pagán numerosas persoas para tomar os baños con finalidades depurativas e curativas”.

Vizoso Galdo sinalou que “esta é a primeira das accións programadas no marco da iniciativa coa que o Concello busca promocionar Ribadeo como destino seguro. Ao longo das seguintes semanas, este vídeo acompañarase doutros nos que os protagonistas serán os propios empresarios e empresarias do sector turístico e comercial, adoptando o papel de anfitrións do noso pobo. Eles e elas encherannos de motivos para visitar e voltar a Ribadeo, e para disfrutar de Ribadeo en clave local”.

O edil ribadense engadiu que “dende a Concellería de Turismo e Desenvolvemento Local somos conscientes das dificultades que o sector turístico- comercial afronta nesta nova era post covid. Ante estas novas complicacións que está a experimentar a hostalería e o pequeno comercio, sectores fundamentais do noso tecido socioeconómico do noso concello, esta área decidiu poñer en marcha esta nova campaña publicitaria co slogan Estamos Listos. A campaña, que inclúe cartelería, mensaxes en redes sociais con vídeos, publicacións en prensa e cuñas en diferentes emisoras, prolongarase ata finais de verán”.

Pablo Vizoso tivo palabras de agradecemento para as persoas que participaron no vídeo: “o Concello quere facerlle chegar o noso agradecemento a todos os participantes, con especial mención aos establecementos hostaleiros e comerciais”.