Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Fruga denuncia a indefensión das explotacións lácteas galegas

Por 27 Xullo, 2020Sin comentarios

O Real Decreto-ley 5/2020 de 25 de febreiro xurde como resposta do Goberno español á vaga de mobilizacións levadas a cabo en demanda de prezos xustos para as producións agropecuarias.

Como grande novidade introduce o concepto de que os prezos dos contratos alimentares deben ser determinados en función de factores obxectivos, especificando que un dos factores a ter de conta é o custe efectivo de produción do produto obxecto de contrato, calculado tendo de conta os custes de produción, pasando a enumerar os distintos custes que se terán presentes no caso das explotacións agropecuarias.

“Máis esta aparente mellora nas relacións contractuais tiña trampa. E a trampa está en que cada unha das explotacións, por si mesmas, ten de ser quen demostre os seus custes de produción, non podendo empregar para os determinar, en ningún caso, fontes oficiais do Ministerio de Agricultura como o ECRAE (Estudo de Custes e Rendas da Explotacións) ou o RENGRATI (Red Nacional de Granxa Típicas), nin os diferentes observatorios das Comunidades Autónomas e mesmo os estudos feitos por Universidades. Os custes teñen de ser demostrados para cada unha das explotacións en concreto cos dados de que dispoña, se dispón. Situación que deixa á maioría das explotacións na total indefensión”, din.

A maior parte das empresas lácteas que operan en Galicia coa escusa da modificación introducida polo Real Decreto veñen de, nuns casos, resolver os contratos en vigor, e noutros a presentar os novos contratos introducindo cláusulas, que fan asinar ás persoas titulares das explotacións leiteiras, nas que se indica expresamente que o prezo base que figura no contrato é superior ao custe efectivo de produción da súa explotación. “E se non se asina ameazan con deixar de recoller”, engaden.

Desde o Ministerio de Agricultura recomendan que no caso de que as industrias forcen a asinar un contrato por debaixo dos custes reais de produción que se acuda á AICA (Axencia de Información e Controlo Alimentar), máis para iso a persoa titular da explotación tería que demostrar con dados verificables que o prezo que lle están pondo no contrato é inferior aos seus custes, algo que so poderán facer quen teña contabilidade analítica, unha inmensa minoría.

Desde Fruga queren denunciar as presións que están a sufrir a maioría das explotacións lácteas de Galicia, que por outra parte xa son as que perciben os prezos mais baixos de todo o Estado, ao tempo que reclaman a mudanza do Real Decreto para que expresamente se permita establecer os custes de produción a partir dos estudos feitos sobre os custes de produción por parte de organismos oficiais, como pode ser o Observatorio Lácteo da Galicia.

Neste senso “reclamamos da Consellería de Medio Rural que restableza a idea orixinal de dotar ao Observatorio Lácteo da Galicia dos medios necesarios e suficientes para facer os estudos oportunos para poder establecer con toda clareza cales son os custes reais de produción das distintas explotacións lácteas atendendo tanto ao tamaño das mesmas, como aos distintos sistemas de manexo e produción”, rematan dicindo.