Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Industria pide a Alcoa que negocie co investidor interesado na compra da planta

Por 28 Xullo, 2020Sin comentarios

O secretario xeral de Industria e Peme do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, Raúl Blanco, pediu na reunión da Mesa de Traballo multilateral sobre o futuro de Alcoa en San Cibrao (Lugo) que a empresa negocie cun investidor industrial interesado na planta que daría continuidade ás instalacións a medio e longo prazo.

Na súa exposición, Blanco sinalou que “hai un proxecto alternativo que, no ámbito da enerxía, apostaría pola enerxía renovable onde se apostaría polo hidróxeno verde e cun investimento industrial na planta que lle garantiría a rendibilidade no futuro”.

Raúl Blanco incidiu en que agora é o momento, aproveitando a prórroga das consultas ata o 4 de agosto, de iniciar as negociacións co grupo investidor, debido a que Alcoa ten claro que non quere seguir. E durante estas negociacións non é necesario despedir a ninguén.

O secretario xeral de Industria lembrou varias actuacións do Goberno para facilitar a competitividade das empresas do sector, como a aprobación do Fondo de Garantías como os avances no Estatuto Electrointensivo.

Na reunión interviñeron o conselleiro de Economía e Industria da Xunta, Francisco Conde, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, o presidente de Alcoa en España, Álvaro Dourado, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, e os responsables autonómicos de industria de UXT, CCOO e CIG. Tamén asistiron a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, o director xeral de Industria e Peme do Ministerio, Galo Gutiérrez, o subdirector adxunto de Enerxía Eléctrica do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Carlos Redondo, e varios representantes do comité de empresa de San Cibrao.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, solicitou a constitución dun grupo de traballo e o aprazamento do ERE na planta para estudar a posible proposta -confirmada polo Goberno central- dun investidor e, deste xeito, abrir un novo camiño para o mantemento da actividade e do emprego na planta. 

Neste sentido, e ante o descoñecemento do contido da proposta tanto por parte de Alcoa como dos traballadores e da propia Xunta, o conselleiro pediu certezas e tempo para poder identificar as condicións e requirimentos que permitan pechar a operación. Expresou a total colaboración da Xunta neste novo escenario no que Alcoa manifestou que está disposta a iniciar un proceso de venda. Por iso, solicitou transparencia ao Goberno para coñecer os detalles do posible plan de empresa no marco deste grupo de traballo do que formarían parte todos os axentes implicados así como o posible investidor. 

Conde lembrou que para garantir que calquera proxecto sexa viable segue sendo necesario fixar un prezo eléctrico estable e competitivo. Por iso, lamentou que aínda non se coñeza o contido do Estatuto do consumidor electrointensivo e non se teña convocado a poxa de interrompebilidade para o segundo semestre do ano. Esta falta de resposta está provocando que España non estea a ser competitiva con respecto ao resto de países europeos. 

O conselleiro amosou, unha vez máis, o apoio da Xunta aos traballadores ofrecendo todos os mecanismos cos que o Goberno autonómico conta en materia de política industrial co obxectivo de manter a actividade e o emprego na comarca da Mariña.