Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O BNG de Viveiro insta ao Concello a reforzar os servizos municipais clave

Por 30 Xullo, 2020Sin comentarios

O BNG de Viveiro vén de rexistrar un rogo para o pleno do vindeiro 4 de agosto co obxecto de instar ao Goberno de María Loureiro a axilizar o proceso de contratación, por acumulación de tarefas, de dúas prazas de administativxs cuxas bases do proceso selectivo foron publicadas o 12 de marzo e que a día de hoxe atópase paralizado, pendente de nomear os membros do tribunal de selección e polo tanto, da constitución de devandito tribunal, responsábel de avaliar as solicitudes presentadas e elaborar a proposta da listaxe das persoas admitidas para participar no proceso de selección.

A portavoz do BNG, Miriam Bermúdez, recórdalle á alcaldesa a urxente necesidade, como xa propuxeran xs nacionalistas no pleno de debate do orzamento 2020, do reforzo de persoal naquelas áreas municipais que son clave para poñer en marcha e executar con axilidade as medidas que se aprobaron dentro do plan de reactivación da economía local de Viveiro (como é a convocatoria de axudas para pemes e autónomxs, cuxo prazo de solicitudes vén de abrirse o pasado 22 de xullo), e ao mesmo tempo, axilizar a tramitación e execución dos programas de investimentos e axudas procedentes doutras administracións co fin de ofrecerlle ás veciñas e veciños de Viveiro e ao sector ecónomico local, unha colaboración e un servizo público coas máximas garantías de calidade e eficiencia para o desenvolvemento das medidas de reactivación da actividade empresarial, comercial e social que se poñan en marcha, tanto desde o propio concello coma da administración autónomica e estatal.

Por outra banda, desde o BNG parabenízanse da convocatoria pública que ven de sacar o concello de Viveiro o pasado 28 de xullo para a contratación temporal dun técnico de servizos económicos, para cubrir a baixa por enfermidade de longa duración do traballador que ocupa esta praza e que xa fora demandada a súa cobertura pola portavoz do BNG no pleno do debate de orzamentos 2020, como unha das prazas de vital necesidade a cubrir para o reforzo daqueles servizos municipais clave, como é o de Servizos económicos. Se ben o BNG e a súa portavoz municipal cren que esta contratación e claramente insuficiente, posto que, tal e como xa dixeron no mes de xuño, a Intervención Municipal segue a contar só un día á semana cos servizos dunha Interventora e a área de Promoción Económica segue baixo mínimos sen cubrirse a praza de ADL e a de Auxiliar e Administrativx, como así mesmo na área de Contratación segue sen cubrirse a praza de Técnico de Contratación e en Servizos Sociais a praza de Psicólogx.