Foz aprobou os orzamentos deste ano 2020

No pleno da corporación de Foz celebrado onte, xoves, foron aprobados os orzamentos municipais deste ano e o alcalde, Fran Cajoto, destaca que son serios e responsables.

O rexedor municipal explica que “no pleno de onte aprobáronse uns presupostos serios e responsables. Tardamos moito, porque xa estamos no mes de xullo, pero foi por distintas circunstancias: primeiro ano no goberno, tivemos que ter varias reunións en Santiago para evitar partidas de non dispoñibilidade, por como quedaron as contas despois do goberno do Partido Popular e tamén a crise do COVID. Todo isto retrasou os prazos administrativos. Pero aínda que os trouxemos tarde, estamos contentos polo resultado grazas ao gran traballo da tenente alcalde e concelleira de Facenda, Inés López Couto, que botou longas horas cos servizos de intervención para axustar uns presupostos á realidade do Concello, traballo que nunca se fixera. Antes había partidas que quedaban sen fondos á metade de ano ou que directamente non se consideraban, o que provocaba un gran importe no recoñecemento extraxudicial e conlevaba asociado un retraso nos pagos aos provedores. E  agora, no momento no que estamos, hai que axilizar sempre eses pagos e que as empresas que o están a pasar realmente mal, as empresas locais que traballan cos concellos, cobren o seu traballo en tempo e forma”.

Fran Cajoto engadiu que estes orzamentos “van asociados a uns gastos de 7,4 millóns de euros, que non son os que nos gustarían, pero son os que están axustados á realidade deste concello no que pouquiño a pouco queremos ir avanzando en investimentos porque é a forma de despegar, de que Foz sexa cada vez máis atractivo e que Foz evolucione. Sabemos que hai moitos traballos pendentes por facer, moitas rúas por arranxar, moitas conducións de auga por renovar, … Temos moitos investimentos que facer: no ámbito cultural, no ámbito educativo e este e un primeiro paso para avanzar na boa senda. E nese sentido teño que agradecer aos distintos grupos que nos apoiaron, tanto ao socio de goberno do BNG como a Foz Plataforma de Futuro. E unha vez máis tivemos os votos en contra rotundos do Partido Popular, simplemente porque os presupostos os presenta o PSOE. Gustaríanos nese caso que Javier Jorge Castiñeira tivera una maior altura de miras, que pensara no beneficio do pobo e que si realmente viu algo mal nos presupostos, que o expuxera ao público, pero non foi así. Simplemente votaron en contra sen ningún tipo de proposta alternativa e queda aí anotada, unha vez máis, a non colaboración do PP, que se viu desde o primeiro momento, cando nin sequera quixo ter unha reunión para o traspaso de poderes”.

Para rematar o alcalde destaca que “este orzamento incrementa as partidas en gastos sociais e investimento real, sendo estas as que máis benefician de forma directa á poboación do noso concello. Entre as medidas máis significativas están o aumento das axudas de emerxencia social de 600 a 1.000 euros e dótase unha partida para a mellora do servizo municipal de lixo, buscando un aumento da eficiencia nesta área para contribuír á mellora do medio ambiente”.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: