O PP esixe o cambio da caseta dos socorristas no paseo marítimo de Covas

A praia de Covas e un dos tesouros de Viveiro e o seu paseo marítimo, un escaparate das posibilidades que ofrece este municipio. Pese a elo, o goberno municipal presidido pola socialista María Loureiro está empeñado en danar a imaxe da praia e do paseo. Se o evidente déficit de mantemento do entorno da praia é o vivo reflexo da indolencia e da falta de xestión do equipo de goberno, o paseo marítimo acaba de ser obxecto dunha inesperada, gratuíta e intolerable agresión estética coa instalación polo Concello dunha inapropiada caseta para servizo dos socorristas. Ninguén dubida de que os socorristas teñen que dispoñer dunha base, o máis cómoda e útil posible, pero tamén é certo que o seu aspecto ten que corresponderse coa nobreza do entorno no que se ubica.

O portavoz municipal do PP, Óscar Rodríguez, di que é inaudito que alguén que quere a Viveiro (e suponse que a alcaldesa quere á cidade que goberna) perpetre o atentado estético á praia de Covas e ao seu paseo que é a caseta de obra instalada para servizo dos socorristas. Rodríguez di: “É fea, porque é das de obra, sen máis pretensións; ocupa parte do paseo, ten os tubos ao ar e dá moi mal olor; quen dá máis para danar a imaxe de Viveiro?”.

Rodríguez sinala que no mercado hai todo tipo de casiñas e casetas e que por un prezo moi asequible o Concello de Viveiro pode alugar ou mercar unha cuxo aspecto se adecúe ao entorno. Rodríguez recorda que é a Xunta a que corre cos gastos do servizo de socorrismo; Concello puxo na caseta un letreiro que di “Xunta de Galicia”. Pero, explica o portavoz popular, a Xunta nada ten que ver coa caseta e a súa inadecuación ao entorno no que se atopa.

Os populares reclaman do equipo de goberno que substitúa a caseta, de maneira que a que elixa se adapte ao entorno e, ao mesmo tempo, sexa adecuada para as necesidades do servizo de socorrismo.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: