Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Ribadeo organiza seis percorridos guiados durante agosto e setembro

Por 1 Agosto, 2020Sin comentarios

A Concellaría de Economía, Turismo e Desenvolvemento Local do Concello de Ribadeo organiza seis percorridos guiados polo seu patrimonio natural e cultural, que se desenvolverán durante os meses de agosto e setembro.

Segundo explican desde Turismo: “dende o punto de vista natural darase unha ampla visión do importante patrimonio xeolóxico presente ao longo de todo o litoral, que vai dende o conxunto de arcos rochosos máis importantes da península ata a maior estrutura xeolóxica da Mariña lucense”.

Deste xeito organízase a Xeoruta dos Pregues para descubrir o gran pregue que se estende dende a Ría de Foz á de Ribadeo e que terá lugar os días 11, 18 e 25 de agosto, e 1 e 10 de setembro, sendo o punto de encontro a área recreativa da Areosa (Piñeira). Trátase dunha das maiores estruturas xeolóxicas da Mariña lucense

Tamén se programa a Xeoruta dos Ollos para gozar dos tesouros xeolóxicos do treito litoral do fermoso pobo mariñeiro de Rinlo, que se desenvolverá os días 6, 13 e 27 de agosto e 8 de setembro. Neste caso o punto de encontro será a praza de Santa Catarina en Rinlo.

Ademais terá lugar a Xeoruta dos Arcos para explorar o conxunto dos arcos rochosos máis importantes da península ibérica, que se formou fai miles de anos e que continúa vivo na actualidade. Será os días 4 e 20 de agosto, 3 de setembro e 18, 19 e 20 de setembro (edición especial). O punto de encontro será na oficina de información turística da praia de As Catedrais.

En canto ao patrimonio cultural, haberá tres roteiros guiados para gozar do fascinante patrimonio cultural e etnográfico presente en múltiples recunchos da vila e do interior do concello. A primeira visita será ao Santuario de Nosa Señora das Virtudes para contemplar un magnífico conxunto de pinturas murais da época tardo-medieval, único en Galicia. Terá lugar os días 3, 10, 17, 24 e 31 de agosto e o punto de encontro será na Ponte de Arante.

Haberá outro roteiro para dar a coñecer o Ribadeo Indiano, época na que a vila viviu, nas últimas décadas do século XIX e as primeiras do XX, un momento de auxe económico, social e urbanístico, bonanza que se debeu en gran medida ao retorno de quen emigrara a América, os indianos. Celebrarase os días 5, 12, 19 e 26 de agosto, e o punto de encontro será na Oficina de Turismo de Ribadeo.

Finalmente haberá un percorrido polo Ribadeo Ilustrado ao estar declarado o centro histórico da vila Ben de Interese Cultural. Nel altérnanse casas de ricos fidalgos e comerciantes coas de mariñeiros e artesáns, sendo a construción máis antiga da vila a Capela da Atalaia do século XII. Este roteiro será os días 7, 14, 21 e 28 de agosto, e o punto de encontro situarase na Oficina de Turismo de Ribadeo.

Estas visitas, destinadas a todos os públicos, serán de balde, pero con prazas limitadas. As reservas poderanse facer na sección de Momentos na páxina web turismo.ribadeo.gal.

O Concello de Ribadeo completará esta oferta cultural, a partir do 3 de agosto, en colaboración co alumnado/traballador do obradoiro de emprego Ribadeo alén do Camiño, mostrando ao público os encantos artísticos do Santuario de Nosa Señora das Virtudes, un santuario moi venerado e visitado polos fieis debido á fama de milagrosa da súa virse. Este templo conserva un rico patrimonio en pinturas tardo-medievais.