Skip to main content
ActualidadeOurolSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Concello de Ourol verá ampliado as axudas para programas de conciliación

Por 2 Agosto, 2020Sin comentarios

A Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a ampliación da liña de axudas destinadas a concellos para financiar programas de conciliación familiar, de xeito que aos 16 municipios lugueses inicialmente beneficiarios desta iniciativa súmanse agora catro máis: Ourol, O Saviñao, Taboada e Baralla.

A Administración autonómica incrementou o orzamento deste programa co fin de chegar a máis concellos galegos, tendo en conta a demanda rexistrada e o elevado interese que xeran as accións de fomento da corresponsabilidade entre mulleres e homes a través de medidas que aposten pola conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

En canto aos novos beneficiarios, percibirán axudas por un importe conxunto de 34.140 euros, que servirán para financiar unha ludoteca de verán en Ourol (a achega concedida é de 3.360 euros); unha aula de verán no Saviñao (12.000 euros); campamentos urbanos en Baralla (10.202 euros) e actividades na época estival en Taboada (8.577 euros).

Na convocatoria resolta este ano, a Xunta xa aprobara inicialmente axudas que suman 163.700 euros para desenvolver programas de conciliación nos seguintes municipios lugueses: Alfoz, Antas de Ulla, Becerreá, Castroverde, Cervo, Xermade, Guitiriz, Guntín, O Incio, Mondoñedo, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Pol, Rábade, Sober e O Valadouro.

Cómpre recordar que o programa de fomento de conciliación non é a única liña de axudas destinada a concellos para a promoción da igualdade. Ademais dela, a Xunta pon a disposición dos concellos galegos outros tres programas de financiamento:  de promoción da igualdade entre mulleres e homes e prevención e tratamento da violencia de xénero; de financiamento dos Centros de Información ás Mulleres (CIM); e de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres. Os tres primeiros están cofinanciados polo Fondo Social Europeo, mentres que o último está financiado ao abeiro do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.